A comarca de Quiroga benefíciase do co-financiamento de proxectos
Vicepresidencia dedica 410.000 euros a cofinanciar 14 actuacións nunha decena de concellos da zona sur da provincia de Lugo.
- A delegada territorial supervisou as obras realizadas no Concello de Folgoso do Courel que supuxeron o arranxo de varias estradas e a optimización enerxética da iluminación pública en cinco núcleos de poboación
- As accións realizáronse ao abeiro da Orde de Infraestruturas de uso público e do Fondo de Compensación ambiental
A delegada territorial da Xunta en Lugo, Raquel Arias, supervisou onte en Folgoso do Courel, xunto coa rexidora, Dolores Castro, as obras acometidas neste municipio ao abeiro das ordes de Infraestruturas de uso público e de Compensación ambiental da Vicepresidencia.
No conxunto da Zona Sur da provincia de Lugo as 14 accións participadas pola Xunta nunha decena de concellos supuxeron un investimento de 410.000 euros dos preto de 675.000 euros mobilizados.
Arias e Castro supervisaron o resultado das actuacións efectuadas en dúas estradas de Folgoso, concretamente nas rúas do Chao e Do fondo da vila. Segundo salientou a delegada territorial “a Xunta aposta pola colaboración cos concellos para facer posible que o entorno rural conte con servizos e infraestruturas axeitadas aos tempos nos que vivimos”.
“Esta colaboración”, recalcou, “permite aos concellos, sobre todo aos máis pequenos e, en consecuencia, de menor dispoñibilidade económica, efectuar obras que benefician directamente aos veciños e que, doutro xeito, non poderían acometer polo importe desembolso que suporían para as arcas municipais”.
A Vicepresidencia tamén sufragou neste municipio boa parte do custo derivado da pavimentación ao acceso de Mercurín e, ao abeiro do Fondo de Orde de compensación ambiental, da optimización enerxética no alumeado público dos lugares de Piñeira, Noceda, Teixeira e Ferreirós de Arriba e de Abaixo. En conxunto, a Consellería da Presidencia aportou a estas actuacións preto de 64.000 euros.
Folgoso do Courel, ademais, participa, xunto cos concellos de Quiroga e Ribas de Sil, dunha achega de preto de 30.000 euros para o mantemento do servizo de vixilancia ambiental que comparten os tres municipios.
Con cargo a Orde de infraestruturas de uso público e por importe de preto de 70.000 euros, tamén se remodelaron os parques infantís de Quiroga e pavimentouse e melloráronse os servizos da rúa do Bao en Ribas de Sil.
Na comarca de Chantada as melloras cofinanciadas por Vicepresidencia supuxeron a dotación dunha pista de padel no espazo deportivo das piscinas municipais de Chantada; a rehabilitación da rúa Trapero Pardo e o equipamento e mantemento dos servizos municipais dedicados á protección ambiental no municipio de Taboada; e en Carballedo, a mellora do pavillón de deportes e a optimización enerxética da instalación de luz pública en varios lugares do concello. En conxunto, a Xunta aportou case 82.000 euros dos preto de 120.000 euros que mobilizaron os tres concellos.
Outros municipios da Zona Sur, como Pantón, A Pobra do Brollón, O Saviñao e Sober, tamén se beneficiaron da aportación efectuada pola Consellería de Presidencia. Neste caso por importe de 136.000 euros.
No caso de Pantón adecuáronse varios espazos públicos; en A Pobra colocáronse beirarrúas na Avenida de Outeiro; no Saviñao realizáronse mellores na Casa Consistorial e en Sober recuperáronse as fontes e lavadoiros nas parroquias de Brosmos, Bulso e Vilariño, ao tempo que instalaron áreas biosaludables e parques infantís.