A castaña como froito subvencionable na campaña de consumo de froita nos colexios
- A campaña de consumo de froita nos colexios incluirá este ano a castaña como froito subvencionable
- Trátase dunha petición histórica de Galicia ao Goberno central, que este ano decidiu aceptar este froito entre os produtos elixibles
- Este ano hai 400 centros educativos interesados cos que se chegaría a máis de 88.000 estudantes de entre 3 e 16 anos
Este ano, coma novidade, na lista de produtos subvencionables que poden elixir os colexios está a castaña, a petición da Xunta de Galicia.
Esta era unha petición histórica por parte da comunidade ao Goberno central, que este ano aceptou incluír no real decreto sobre a aplicación en España da normativa da Unión Europea en relación cos plans escolares de consumo de froitas, hortalizas e leite a castaña como produto elixible para o programa español.
Ángeles Vázquez valorou esta boa nova porque “ademais de contribuír a unha alimentación equilibrada, apoiamos tamén unha industria en auxe na nosa comunidade coma o dos castiñeiros de froito”. O mesmo sucede co plan de leite e produtos lácteos que tamén se leva ás escolas. “En paralelo ao obxectivo de crear hábitos saudables, colaboramos coa estabilización dos mercados destes produtos en Galicia”, sinalou a responsable autonómica.
Comezaba esta campaña educativa nun centro do concello de Touro. Alí, en torno a 100 nenos participaron nas actividades organizadas para a ocasión como unha zona de debuxo e plastilina na que se explicou aos pequenos a pirámide dos alimentos e decidían a composición dos seus batidos, a área de cociña para preparalos eles mesmos e un photocall final onde fotografiarse con mensaxes sas.
A través desta iniciativa a Consellería do Medio Rural, en colaboración coa de Sanidade e a de Cultura, Educación, e Ordenación Universitaria, pretende educar aos máis pequenos na importancia dunha alimentación equilibrada.
Balance
Galicia participou neste plan dende a súa creación en 2009 a través dunha resolución de axudas para cada curso escolar. Cada ano, os centros interesados increméntanse dende os 123 de 2009 ata os 340 da última campaña. Neste curso 2016/2017 está previsto superar os 400 centros educativos (a falta de pechar todas as solicitudes) cos que se chegaría a máis de 88.000 nenos e nenas de entre 3 e 16 anos, xa que inclúe as etapas de Infantil, Primaria e Secundaria.
A orde de axudas para executar esta campaña de 2016/2017 contou cun orzamento de 317.200 euros. O 75% do orzamento procede do Fondo Agrícola de Garantía (Feaga) e o 25% restante é abonado pola Xunta de Galicia. O importe máximo de axuda para cada centro é de 0,25 euros por alumnos e día lectivo, ata un máximo de 20 días.
A axuda concédese a todas as froitas frescas con excepción do tomate, da lima e do limón, que están incluídas na definición do Código Alimentario Español (CAE) e agora tamén a castaña.