A campaña Galicia contra a Violencia de Xénero busca a implicación da sociedade nesta loita
- A Xunta presentou a campaña Galicia contra a Violencia de Xénero, que busca a implicación da sociedade nesta loita
- O vicepresidente da Xunta detallou as accións programadas con motivo do 25 de novembro, Día Internacional para a eliminación da violencia de xénero
- Teresa Portela e Roberto Vilar colaboran nesta campaña e prestan a súa imaxe de xeito desinteresado
- A campaña compleméntase tamén con outras actividades como a andaina contra a violencia de xénero Camiño ao respecto, que se celebrará o domingo 27 de novembro en Santiago
O vicepresidente da Xunta, Alfonso Rueda, presentou onte a campaña Galicia contra a Violencia de Xénero” que a Xunta vai poñer en marcha con motivo do 25 de novembro, Día Internacional para a eliminación da Violencia de Xénero, e que este ano ten como lema Todos e Todas contra a violencia de xénero.
Nesta presentación estiveron tamén presentes Teresa Portela e Roberto Vilar, dous personaxes públicos que colaboran nesta campaña e prestan a súa imaxe de xeito desinteresado.
Actualmente existen medios para loitar contra a violencia de xénero, como medidas de protección, a incorporación da Policía Autonómica nesta materia, axudas económicas para as vítimas, está en marcha o CRI e os CIMs espallados por toda Galicia e a Xunta ofrece atención psicolóxica e asesoramento, entre outras, pero non chega só con atender ás vítimas de violencia de xénero. É fundamental concienciar a toda a sociedade de que este é un problema de todas e de todos, e só coa implicación de todas e todos poderase facerlle fronte.
O vicepresidente explicou que se vai levar a cabo unha campaña institucional en medios e tamén se repartirán máis de 36.000 folletos informativos por todas as cidades e vilas de Galicia. Rueda valorou a importancia destas campañas informativas porque unha parte moi importante da loita contra a violencia de xénero pasa pola prevención e a sensibilización da poboación.
Alfonso Rueda indicou que a loita pola igualdade real entre homes e mulleres é fundamental para o Goberno galego, e dentro dela, sen dúbida a erradicación da violencia de xénero é unha prioridade, xa que constitúe a máis grande mostra de desigualdade e un ataque directo contra os dereitos fundamentais das persoas.
Camiño ao respecto
A campaña compleméntase tamén con outras actividades como a andaina contra a violencia de xénero Camiño ao respecto, que se celebrará o domingo 27 de novembro en Santiago de Compostela. O percorrido é dende o Monte do Gozo, con saída ás 11:00 horas e chegada ás 12:30 horas á Praza do Obradoiro coa lectura dun manifesto contra a violencia de xénero.
O camiño ao respecto ten dous obxectivos principais. Por unha banda, promover a participación cidadá en prol do rexeitamento social á violencia de xénero e por outra, sensibilizar sobre a importancia de valores como o respecto e a igualdade entre homes e mulleres, valores que encarna o Camiño de Santiago.
Ademais, con motivo do Día Internacional para a eliminación da Violencia de Xénero, o 25 de novembro inaugurarase en Santiago a exposición Á Violencia de Xénero… Dille NON!, exposición gráfica ilustrada, dirixida a axudar á mocidade a recoñecer, identificar e rexeitar condutas sexistas, nocivas nas súas relacións, que se difundirá por varios medios e coa que faremos especial fincapé nas redes sociais, das que nos temos que valer para chegar con maior facilidade as nosas mozas e mozos e contrarrestar esta lacra.