A Cámara de Comercio de Estados Unidos apoia a misión empresarial USA que explorará novos mercados e investimentos en Ourense
- Na súa segunda xornada en Washington, o presidente da Deputación de Ourense, Manuel Baltar, reuniuse coa vicepresidenta para Asuntos Europeos da entidade cameral norteamericana, Marjorie Chorlins
- A representante cameral confirmou o apoio á iniciativa de Manuel Baltar para impulsar as relacións empresariais USA-Ourense, co obxectivo de favorecer sinerxias e creación de emprego na provincia ourensá
O presidente da Deputación de Ourense, Manuel Baltar, entrevistouse onte en Washington DC, na súa segunda xornada de traballo en Estados Unidos, coa vicepresidenta para Asuntos Europeos da Cámara de Comercio norteamericana, Marjorie Chorlins, quen lle confirmou o apoio da entidade cameral –a máis importante do mundo, con máis de 4 millóns de empresas asociadas- á misión empresarial que está promovendo Manuel Baltar para favorecer as relacións económicas e de negocio entre empresas USA e Ourense, co obxectivo de crear sinexias a prol da competitividade e do emprego na provincia de Ourense.
A responsable da entidade cameral norteamericana para Europa concordou co presidente do goberno provincial en explorar conxuntamente estratexias comerciais que permitan atopar puntos de encontro entre empresas dos Estados Unidos e Ourense, aproveitando o potencial e as oportunidades que ámbolos dous mercados ofrecen para América e Europa. Na reunión tamén participou o director de Asuntos Europeos da Cámara de Comercio USA, Garrett Workman, encargado de coordinar a Asociación de Comercio e Investimento Transatlántico, especialmente no que atinxe á economía dixital, enerxía, cooperación regulatoria e investimento internacional.
Ao remate da reunión Manuel Baltar amosouse «moi satisfeito» polo interese amosado pola Administración USA e pola Cámara de Comercio de levar a cabo a misión empresarial que está a impulsar, «xa que supón abrir novas vías de cooperación comercial e empresarial da provincia de Ourense nun mercado con tantos sectores e de tan grande volume de negocio como é o dos Estados Unidos», afirmou Manuel Baltar.
A representante empresarial destacou «o papel de internacionalización da provincia de Ourense» que está a desenvolver Manuel Baltar en foros de innovación e competitividade como o celebrado recentemente en Curitiva (Brasil), no que foron convidados a expoñer as súas innovacións na xestión pública os territorios de Ourense, Bos Aires e Toronto. Marjorie Chorlins interesouse polo proxecto de «Provincia Intelixente» que promove Baltar, no que destaca a estratexia de posicionamento internacional da «marca Ourense»; á promoción das singularidades da provincia; un modelo de xestión pública baseado en iniciativas innovadoras e participativas, que facilitan a relación administración-cidadán; a cooperación público-privada, e a transparencia como liña institucional básica.
Destes asuntos falaron Baltar e Chorlins concordaron en seguir traballando para estudar a posibilidade de aplicar estes ámbitos de actuación, de contrastado éxito na xestión administrativa, no eido das relacións comerciais e empresariais.
Relacións comerciais de máis de 6 billóns de dólares
Marjorie Chorlins explicoulle ao presidente da Deputación de Ourense a importancia que ten a Cámara de Comercio de Estados Unidos, a organización empresarial máis grande del mundo e que representa os intereses de máis de catro millóns de empresas de todos os tamaños, sectores e rexións. A súa gama de membros vai desde pequenos establecementos e cámaras de comercio locais a asociacións líderes da industria e as grandes corporacións.
A representante da Cámara de Comercio USA explicou que o seu labor consiste en desenvolver e executar programas e políticas baseadas nas relacións comerciais e de investimentos entre Estados Unidos e Europa. Tamén xestiona a Cámara de Comercio USA a coalición empresarial para o comercio transatlántico (BCTT – Business Coalition for Transatlantic Trade).
A importancia da xestión da Cámara de Comercio dos Estados Unidos reflíctese nas cifras das relacións comerciais entre a Unión Europea e Estados Unidos, cun volume de negocio que supera os 6 billóns de dólares, ascendendo a máis de 3 millóns de dólares o importe das mercancías que cada día cruzan o Atlántico. Con persoal repartido entre Washington e Bruxelas, a Cámara de Comercio de Estados Unidos desenvolve un labor de promoción, liderado e comunicación tanto no ámbito institucional como empresarial, e conta con grupos de traballo nos ámbitos xurídico, fiscal, mercado único dixital e política enerxética.
Posta en valor da provincia de Ourense
«O obxectivo da reunión de hoxe foi contribuír á posta en valor de Ourense e fomentar a relación do sector privado estadounidense coa provincia de Ourense, para favorecer así a actividade económica no territorio ourensán», explicou Manuel Baltar.
Coa súa rolda de contactos empresariais e institucionais en Washington, Manuel Baltar é o primeiro líder político galego que se reúne coa Administración USA para establecer liñas de cooperación que permitan explorar vías de negocio entre as empresas de Ourense e Estados Unidos.
A iniciativa xurdiu nos encontros que o presidente Baltar ven mantendo con líderes de sectores empresariais ourensáns, tanto na xuntanza de Cabeza de Manzaneda como na recentemente celebrada no Pazo Provincial, onde o presidente provincial plantexou a posibilidade de establecer relacións co ámbito de Comercio do Goberno USA «para planificar estratexias de interese común coas empresas de Ourense, que desemboquen en investimentos que permitan o crecemento e a creación de emprego na provincia de Ourense», afirma Manuel Baltar.
Esta novidosa acción de relacións institucionais no ámbito comercial entre Ourense e USA é a primeira vez que se produce en Galicia, xa que, por primeira vez, o Goberno de Estados Unidos certifica e avala unha misión comercial destas características. Os únicos referentes de misións comerciais de Estados Unidos en España producíronse ata o momento en Madrid e Barcelona.
Conferencia de Manuel Baltar na Universidade de Georgetown
Na súa última xornada da viaxe que está a realizar o presidente da Deputación de Ourense en Estados Unidos, Manuel Baltar ofreceu unha conferencia na prestixiosa Universidade de Georgetown (fundada en 1789), á que foi convidado para disertar sobre «Desenvolvemento rexional e previsión política en Galicia e España no ano 2016». No relatorio participaron estudantes e posgraos da especialidade Asuntos Internacionais da dita Unviersidade de Georgetown.
O presidente do goberno provincial agradeceu o convite da Universidade de Georgetown e seu interese polas políticas de innovación que está a aplicar na xestión pública na provincia de Ourense e por permitirlle «achegar as súas reflexións a un dos foros de debate político e académico máis importantes do mundo, e unha das universidades máis prestixiosas na que se forman os líderes do futuro no mundo».
No seu relatorio, Baltar explicou as claves, na súa opinión, do desenvolvemento territorial e sinaladamente o concepto de «Provincia Intelixente», así como «a importancia de levar a cabo a «fusión de servizos» para incrementar a eficiencia da prestación dos mesmos en favor dos cidadáns, residan onde residan». Manuel Baltar destacou a importancia «dunha política de «open government», coa transparencia e a participación cidadá como máximas para achegar as administracións á cidadanía», e falou do caso concreto da Deputación de Ourense e do labor que leva a cabo «a prol do posicionamento da provincia no ámbito nacional e internacional, coa «Marca Ourense» e coa presenza en foros políticos e de innovación como foi a participacinó no Comité das Rexións da Unión Europea e no Seminario de boas prácticas na gobernanza, celebrado en Curitiba (Brasil), organizado polo Estado de Paraná, onde se analizaron os modelos políticos de desenvolvemento territorial de Bos Aires, Toronto e Ourense».
Asemade, Manuel Baltar subliñou que o «labor de vangarda na xestión administrativa» que desenvolve a Deputación de Ourense propiciou que esta institución estea presente na Xunta de Goberno da Federación Española de Municipios e Provincias (FEMP), sendo Manuel Baltar elixido membro da mesma. A presenza nun organismo, que engloba a máis de 8.100 concellos e a todos os gobernos provinciais de España, «é unha oportunidade para seguir innovando en política e na administración, e para favorecer ese maior achegamento dos cidadáns ás institucións», afirmou Baltar.
Ademais, na súa visita á Universidade de Georgetown Manuel Baltar entrevistouse con Chantal Santelices, directora do Centro para o Desenvolvemento e Educación Intercultural, e con Christopher Shirley, director de Programas e Desenvolvemento de Negocio.