A Biblioteca Pública de Sober volve recibir o Premio María Moliner
- Outorgado polo Ministerio de Cultura
- O Concello recibirá unha subvención en metálico de 2.000 euros para a compra de libros e/ou publicacións periódicas
A Biblioteca Pública Municipal de Sober volve recibir este ano o Premio María Moliner da campaña de animación á lectura que outorga o Ministerio de Cultura. Na provincia de Lugo só conseguiron a axuda a Biblioteca de Sober e a de Xermade.
Este concurso ten por obxectivo premiar a aquelas bibliotecas de municipios de menos de 50.000 habitantes que leven a cabo un proxecto único que inclúa accións de animación á lectura, á eficiencia e á labor bibliotecaria, á integración social na súa comunidade, así como o uso das novas tecnoloxías.
Así mesmo, valórase especialmente aquelas actividades realizadas en municipios de menos de 25.000 habitantes, apoiando así as zonas menos poboadas.
Valorase ademais a eficiencia na administración dos recursos da biblioteca, así como o esforzo realizado pola biblioteca en función dos seus recursos dispoñibles, a claridade e interese do proxecto para a animación da lectura e o seu valor como modelo de boas prácticas no labor bibliotecario, a planificación e viabilidade do mesmo, así como a colaboración con outras entidades (centros educativos, os diferentes axentes culturais dos municipios, etc).
Como beneficiaria a Biblioteca Pública Municipal de Sober recibirá unha subvención en metálico de 2.000 euros para a compra de libros e/ou publicacións periódicas.
A achega deberá destinarse á compra de libros e/ou publicacións periódicas para a biblioteca, e a selección bibliográfica debe realizala o persoal da devandita biblioteca en función das súas necesidades e co obxectivo de completar os seus fondos en beneficio de todos os veciños e veciñas do municipio.