A Asociación “Día de Galicia en Asturias” recoñece o labor do Inorde a prol do desenvolvemento da provincia
O presidente do Instituto Ourensán de Desenvolvemento Económico (Inorde), Rosendo Fernández, recibiu onte en Oviedo o recoñecemento que a Asociación “Día de Galicia en Asturias” outorgou ao Inorde “polo labor que leva a cabo a prol do desenvolvemento da provincia de Ourense”. Nun acto que tivo lugar na Cámara de Comercio de Oviedo, Rosendo Fernández agradeceu á asociación este recoñecemento que constitúe –dixo- “un referendo ao traballo que realiza a institución en favor da provincia, das súas empresas e do aproveitamento dos seus potenciais”. Con este recoñecemento a Asociación Día de Galicia en Asturias quere destacar a colaboración e o apoio que ofrece o Inorde á hora de realizar as súas actividades.
Xunto ao Inorde outras catorce empresas e entidades galegas foron homenaxeadas hoxe, entre as que se atopan Abanca, Centro Médico de Asturias, Hidroeléctrica do Cantábrico, Grupo Oca-Hoteles, Igape e Telecable.
A Asociación Día de Galicia en Asturias está a celebrar o seu vixésimo aniversario que comezou o pasado mércores, 9 de setembro, e que conta cun amplo programa de actividades relacionadas cos ámbitos social e empresarial.