A Amtega pon en marcha a Plataforma de Licitación Electrónica para entidades locais, á que se adheriron , entre outros entes, a Deputación de Ourense
A Axencia de Modernización Tecnolóxica de Galicia, (Amtega) vén de poñer en marcha a Plataforma para a Licitación Electrónica na Administración local, LEAL. O novo servizo arrancou inicialmente no Concello de Santiago e nas Deputacións de Pontevedra e Ourense, os primeiros en adherirse ao proxecto e que contan xa con 4 procedementos xestionados con éxito e preto de 30 usuarios dados de alta.
LEAL é unha plataforma que permite xestionar de xeito exclusivamente electrónico o proceso completo de licitación a entidades locais e licitadores, coas vantaxes de dispoñibilidade, seguridade, rapidez e transparencia que ofrece a licitación electrónica.
Este servizo supón unha aposta polo aforro e a transparencia na contratación pública, ao tempo que permite reducir os tempos de xestión e se maximiza a concorrencia de provedores e a publicidade das licitacións
O obxectivo é estender o uso deste servizo a todas as entidades locais de Galicia que desexen adherirse ao proxecto, no marco de colaboración entre a Xunta e as administracións locais para impulsar a implantación de servizos dixitais para cidadanía e empresas.
Formación
A implantación da plataforma LEAL inclúe a realización de sesións de difusión e formación para os usuarios nas entidades locais, así como apoio na adaptación dos instrumentos normativos e xestión do cambio necesarios para a posta en marcha do mesmo, para o que se está a contar coa colaboración da Federación Galega de Municipios e Provincias (FEGAMP).
Pola súa banda, os licitadores contan tamén cun servizo de soporte a dúbidas e apoio na presentación das súas ofertas.
Tecnicamente trátase dunha plataforma en modelo Cloud adaptada ao RD Lex 3/2011 e á Lei 11/2007, garantindo o cumprimento dos máximos estándares de seguridade e LOPD. Esta solución é idónea pola súa escalabilidade, custo e tempo de implantación.