A alta calidade e singularidade da enoloxía galega como reclamo turístico

  • Galicia é a única comunidade autónoma española que promociona conxuntamente os seus territorios vinícolas
  • Nava Castro pon en valor a alta calidade e singularidade da enoloxía galega como reclamo turístico
  • A directora participou nas V Xornadas de Portas Abertas das Rutas do Viño de Galicia que esta fin de semana se celebran en Monterrei, Ribeira Sacra e Valdeorras
  • O visitante pode acceder de forma gratuíta ás adegas destas zonas de produción e realizar un amplo programa de actividades
  • Na iniciativa participan máis de 100 establecementos das cinco denominacións de orixe e foi todo un éxito os días 21 e 22 nas Rías Baixas e no Ribeiro
Foto: Archivo. Viñedo Valdeorras

Foto: Archivo. Viñedo Valdeorras

 

A directora de Turismo de Galicia, Nava Castro, puxo en valor a alta calidade e singularidade dos viños galegos como reclamo turístico. A directora fixo onte estas declaracións durante a súa visita á adega Crego e Monaguillo, un dos máis de 100 establecementos participantes na quinta edición das Xornadas de Portas Abertas das Rutas do Viño de Galicia que esta fin de semana se desenvolven nas denominacións de orixe de Monterrei, Ribeira Sacra e Valdeorras.

A directora enxalzou o éxito que está tendo a iniciativa, que a pasada fin de semana se celebrou nos itinerarios das Rías Baixas e do Ribeiro. Neste sentido, Nava Castro subliñou que se trata dun evento integrador excepcional ao ser Galicia a única comunidade autónoma española que ofrece unha promoción conxunta dos seus territorios vinícolas.

Por iso, animou a todos os galegos e turistas a coñecer as diferentes adegas e o viño galego a través desta iniciativa, que tamén permite descubrir outros recursos da terra como a paisaxe, a etnografía ou o patrimonio.

Programa de actividades e vantaxes
Durante as Xornadas de Portas Abertas das Rutas do Viño de Galicia o visitante pode acceder de xeito gratuíto e guiado a adegas das cinco denominacións de orixe de Galicia e realizar un completo programa de actividades nos máis de 100 establecementos participantes.

Ademais de visitas e catas en adegas e museos do viño, varios restaurantes de cada unha das zonas ofrecen dous menús especiais para a ocasión, que inclúen un primeiro e un segundo prato, acompañados de viño da correspondente denominación de orixe, e sobremesa. Tamén se ofrecen menús infantís para nenos menores de 12 anos.

Así mesmo, o visitante pode coñecer as distintas zonas de produción vitivinícola mediante rutas monumentais, paseos en barca, trens turísticos e outras iniciativas acompañadas de descontos en aloxamentos e eventos relacionados co mundo do viño.

Para achegarse ás diferentes bodegas participantes, ao igual que en anteriores edicións, está en servizo o Bus do Viño. Deste xeito, os participantes poden vivir a experiencia con total comodidade e despreocupación.

También te podría gustar...