A Agadic publica a convocatoria de axudas ao desenvolvemento de novos proxectos audiovisuais por un importe de 185.000 euros
A Axencia Galega das Industrias Culturais (Agadic) abrirá desde mañá e ata o vindeiro 4 de abril o prazo de solicitude das subvencións de 2015 para o desenvolvemento de proxectos audiovisuais de produción galega. O departamento da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria dotou esta nova convocatoria cun total de 185.000 euros, que se destinan a apoiar as produtoras independentes galegas nos traballos previos ao proceso de produción das súas próximas longametraxes cinematográficas ou produtos televisivos.
O incremento de 10.000 euros no orzamento total desta convocatoria respecto á do pasado ano é unha das principais novidades que recollen as bases publicadas hoxe no Diario Oficial de Galicia (DOG). Retómase, así mesmo, o apoio aos documentais dentro da modalidade dirixida ás longametraxes cinematográficas, na que se insiren tamén as fitas de ficción e de animación.
Estas subvencións para o desenvolvemento de proxectos esténdese igualmente aos produtos televisivos, dentro dos que se diferenza entre longametraxes e miniseries de ficción, series de animación e pilotos de programas.
A través desta liña de apoio, inserida á súa vez no programa anual de subvencións da Agadic ás industrias culturais, búscase impulsar a posta en marcha de novos proxectos audiovisuais galegos. Acompáñase así as produtoras desde o mesmo momento en que comeza a preprodución dos seus próximos traballos, que –xa cara á súa posterior materialización e chegada ás pantallas– poderán presentarse despois á convocatoria autonómica para produción e coprodución audiovisual, así como a outros fondos estatais e europeos.
Fases da preprodución
En concreto, as axudas publicadas hoxe consideran como gastos subvencionables os relacionados coa adquisición de dereitos de autor, desenvolvemento de guión, asesoramento e actos xurídicos, deseño e realización do material promocional, contratación dun plan de márketing e participación en mercados e foros específicos, así como gastos de persoal e de Seguridade Social do guionista, do director e do produtor executivo e unha porcentaxe concreta de gastos xerais e imprevistos.
A súa adxudicación resolverase mediante o procedemento de concorrencia competitiva, no que unha comisión de valoración nomeada ao efecto puntuará cada unha das solicitudes de acordo cos criterios detallados nas bases. Con tal fin, analizaranse diferentes aspectos relacionados coa calidade e orixinalidade do guión ou do tratamento secuencial, coa traxectoria da produtora, produtor executivo, guionista e director, coa viabilidade do proxecto e a súa potencial internacionalización, e coa súa contribución ao fomento do sector audiovisual galego e da cultura e lingua galegas.
En 2014, un total de 12 produtoras independentes resultaron adxudicatarias destas subvencións para a preprodución de nove longametraxes cinematográficas, dúas miniseries e un piloto dun programa para televisión.
Máis información: http://www.agadic.info/Avisos/detalles/227