A Agadic adxudica 145.000 euros en axudas ao talento audiovisual galego para a realización de 13 novos guións, curtas e longametraxes
A Axencia Galega das Industrias Culturais (Agadic) da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria publicou hoxe no seu web a adxudicación dun total de 145.000 euros en axudas a 13 novos proxectos de escrita de guión e de realización de curtas e longametraxes en versión orixinal galega, como resultado da súa convocatoria anual de subvencións ao desenvolvemento e promoción do talento audiovisual galego.
A través deste programa de apoio, pioneiro no seu ámbito dentro do panorama español, a Xunta mantén a súa aposta polos novos valores da creación cinematográfica en Galicia. O obxectivo é favorecer a súa incorporación á industria audiovisual, ao tempo que se promove a xeración de novas propostas narrativas, se impulsa o emprego do idioma galego no sector e se contribúe ao enriquecemento cultural do país mediante as distintas formas de expresión audiovisual.
Proxectos subvencionados
Estas subvencións incorporaron en 2014 unha categoría específica para cofinanciar longametraxes a cargo de realizadores noveis, que non teñan dirixido máis de dúas películas de longa duración. Este ano os tres beneficiarios nesta modalidade son Andrés Goteira para a produción de ‘Dhogs’ por Acanea Impulsión; Ángeles Huerta para ‘Esquece Monelos’, por Danga Danga Audiovisuais; e José Manuel Mouriño Lorenzo, director e produtor de ‘Manuel Vilariño. Ser luz’. Cada un deles recibirá 30.000 euros para os seus respectivos filmes.
Outros 25.000 euros corresponden a cinco proxectos de escrita individual de guión, que percibirán 5.000 euros en cada caso. Os adxudicatarios son Jorge Alexandre Cancelo Parcero con ‘Grìmsey’, Helena Girón Vázquez con ‘Eles transportan a morte’, Sonia Méndez Alonso con ‘Antes de perder’, Víctor Hugo Seoane Rodríguez con ‘Ó correr do río’ e Marcos Vilariño Sanmartín con ‘Indicios de doada certeza’.
Os 30.000 euros restantes distribúense entre outras cinco propostas de realización de curtametraxes, con 6.000 euros adxudicados a cada unha delas: ‘A liña política’ de Santos Díaz Antón, ‘Ons’ de Santiago Diéguez Risco, ‘Terra mollada’ de Eloy Domínguez Serén, ‘A última batea’ de Xisela Franco Costas e ‘As vacas de Wisconsin’ de Sara Traba Rotea.
Comisión avaliadora
Unha comisión presidida polo director da Agadic, Jacobo Sutil, e integrada por catro recoñecidos profesionais do sector —Xacio Baño, Miguel Anxo Fernández, Víctor Paz Morandeira e Rubén Zarauza— foi a encargada de avaliar as solicitudes, de acordo co baremo especificado nas bases e atendendo a criterios de orixinalidade, calidade e creatividade dos proxectos, da súa contribución cultural e da súa viabilidade.
En resposta a suxestións do sector, a convocatoria de 2015 adiantou temporalmente os prazos do procedemento e a súa resolución co obxectivo de se adecuar o máis posible á planificación anual da creación e produción das propostas adxudicatarias. A relación completa dos proxectos beneficiarios e das contías concedidas está dispoñible para a súa consulta a través das seccións de axudas e de avisos do web da Agadic (www.agadic.info).