«A Administración do século XXI ten que ser electrónica porque senón non será administración», Manuel Baltar
- Manuel Baltar explicou no seminario sobre Transformación Dixital as innovacións da Deputación de Ourense no ámbito de «Provincia Intelixente»
- Clausurou en Santiago este foro de innovación remarcando que os servizos públicos tradicionais «deben mudar en favor da imediatez e da sinxeleza a prol dos cidadáns, para que cada persoa leve no peto, no seu dispositivo móbil, a posibilidade de facer calquera tipo de xestión administrativa».
- Baltar afirmou que a administración do século XXI «ten que ser electrónica porque senón non será administración».
O presidente da Deputación de Ourense, Manuel Baltar, clausurou onte en Santiago o seminario sobre «Transformación dixital das administracións públicas en Galicia», un foro de debate no que se analizou a xestión e transformación que están a experimentar as administracións na era dixital e se puxeron sobre a mesa as solucións innovadoras e novas tendencias que se están aplicando para facer máis achegada e doada a relación cidadán-administración.
Neste sentido, Manuel Baltar foi convidado para expoñer na clausura do evento as iniciativas pioneiras que situaron ao goberno provincial de Ourense na vangarda das solucións innovadoras aplicada á xestión administrativa en Galicia e en España e que a Deputación de Ourense ven desenvolvendo no marco do concepto de «Provincia intelixente», impulsado polo propio Manuel Baltar.
O presidente da Deputación de Ourense dixo que a administración do século XXI «ten que ser electrónica porque senón non será administración» e remarcou que os servizos públicos tradicionais «deben mudar en favor da imediatez, da celeridade e da sinxeleza a prol dos cidadáns, para que cada persoa leve no peto, no seu dispositivo móbil, a posibilidade de facer calquera tipo de xestión administrativa». Neste sentido, Baltar falou da «fusión de servizos» «o que significa que traballamos en favor dese modelo de «Provincia Intelixente», e un bo exemplo diso é o Plan «Conecta Ourense», unha estratexia de desenvolvemento urbano sostible que fixa a súa zona de intervención nos municipios de Ourense e nos do seu espazo metropolitano».
Manuel Baltar dixo que a dixitalización das administracións ten moito que ver coa participación cidadá, coa rendición de contas e coa transparencia, «ámbito este no que tamén o goberno provincial de Ourense é unha referencia e estamos á vangarda». Así, o titular da institución ourensá enumerou as novidades incorporadas recentemente na administración provincial de Ourense entre as que citou a retransmisión en directo dos plenos; das comisións informativas; do sorteo dos membros dos tribunais das probas de acceso ao emprego público; das aperturas de plicas das mesas de contratación; da «vídeo-acta» e da posta en marcha da primeira plataforma provincial de participación cidadá, que figura no Plan de xestión e estratexia operativa da Deputación, Ourense 15-19.
«Somos unha administración-esponxa –dixo Manuel Baltar-, aberta a calquera cambio e a compartir toda a información cos cidadáns, agás os límites legais que procedan. A administración electrónica é un camiño irrenunciable e neste sentido a Deputación de Ourense ven de poñer en marcha xunto coas deputacións de Zaragoza, Castellón e Girona o primeiro Foro interprovincial de innovación, un ente que ten como obxectivo manter unha canle continua para favorecer a transferencia de experiencias e coñecemento entre persoas e institucións a prol da modernización dos servizos que prestan os gobernos locais intermedios».
O seminario, que tivo lugar no Salón de Actos do edificio ABANCA Obra Social en Santiago de Compostela, contou tamén coa presenza de Mar Pereira, directora da Axencia para a modernización tecnolóxica de Galicia, e con expertos en informática, comunicación, xestión tributaria e económica que desenvolveron relatorios sobre innovación aplicada ás administracións públicas en Galicia.