V Torneo Internacional Vila de Ribadavia de ximnasia rítmica, evento que fomenta «os valores do deporte e pon en valor a nosa provincia»

  • Presentado o V Torneo Internacional Vila de Ribadavia de ximnasia rítmica

0 0 presentacin V Torneo Vila Ribadavia

 

O V Torneo Internacional Vila de Ribadavia de ximnasia rítmica, organizado polo Club Marussia, que terá lugar os días 24, 25 e 26 de marzo foi presentado onte no Pazo Provincial da Deputación de Ourense. O acto contou coa presenza do asesor de Deportes da Deputación, Bernardino González; o concelleiro de Deportes do Concello de Ribadavia, Ricardo González; o director do Servizo Municipal de Deportes de Ribadavia, José Manuel Pérez; a secretaria e adestradora do Club Marussia, Pilar Vázquez; e directiva do Club Marussia, Marta Vitori.

A Deputación de Ourense colabora con este evento deportivo que fomenta «os valores do deporte e pon en valor a nosa provincia e, neste caso coa presenza de numerosos equipos a nivel autonómico e de outros de fóra de España como Portugal, Ucraína e Rusia», asegurou Bernardino González. Pola súa banda, Ricardo González destacou a importancia que ten para Ribadavia que este evento deportivo teña lugar na vila, «o noso concello está vinculado con moitos deportes e facer este evento que dentro da ximnasia rítmica a nivel nacional é un referente é moi bo para Ribadavia».

En canto á programación de este evento deportivo está previsto para o día 24 de marzo no Pavillón Municipal de Ribadavia a competición de conxuntos escolares, conxuntos de promoción e individuais. O 25 de marzo no Pazo dos Deportes «Paco Paz» será a quenda para a competición nivel base individual e federado individual. Por último, o 26 de marzo de novo no Pavillón Municipal de Ribadavia, terá lugar unha Master Class de ximnasia rítmica impartida pola ex ximnasta rusa Olga Kapranova.

Pola súa banda, Pilar Vázquez fixo especial fincapé na relevancia que ten este tipo de evento deportivo para as ximnastas afirmando que é fundamental «promocionar este tipo de eventos, sobre todo, para que as nosas ximnastas poidan ver a ximnastas de máis nivel e compartir momentos con outras deportistas que non coñecen e nos que se crean fortes lazos deportivos que se van a afianzar no futuro», afirmou a adestradora do Club Marussia. A entrada para asistir a este torneo é gratuíta, «espero que teñamos moita afluencia de público, que a xente se divirta, e vexa o que é o deporte da ximnasia rítmica, a súa dureza e exixencia», sinalou Pilar Vázquez.

Esta quinta edición conta con máis de 700 ximnastas inscritas e preto de 100 adestradoras de 37 clubs de distintos lugares: Galicia, Asturias, Castela e León, Madrid, A Rioxa, Castela-A Mancha, Valencia, Murcia, Portugal, Ucraína e Rusia. A participación de ximnastas neste evento deportivo foise incrementando ao longo das edicións, así, na primeira, participaron 165, na segunda 250, na terceira 500, e na cuarta 517.

También te podría gustar...