ABANCA e Deputación de Ourense destinan 37 millóns máis ao seu plan de crédito a pemes e familias ourensás

  • Ámbalas dúas entidades renovan o Plan «Activamos-Transforma Ourense», que mellora as condicións das liñas de financiamento para impulsar o desenvolvemento económico e social da provincia.
  • Máis de 900 micro-pemes, pymes e autónomos ourensáns beneficiáronse xa do programa de financiamento especial, cun importe global de 34 millóns de euros
  • Manuel Baltar considera que o acordo reeditado hoxe «pon a disposición de familias, autónomos, empresas e corporacións locais 37 millóns para afrontar novos proxectos e contribuír á mellora socio-económica da provincia de Ourense»
  • Santiago Novoa resaltou o alcance que ten este programa «no tecido económico e social da provincia», e agradeceu «a colaboración da Deputación de Ourense, nunha alianza que hoxe renovamos e que nos permite seguir impulsando o progreso da provincia de Ourense»

0 0 MB e Abanca feb16 1

 

ABANCA e a Deputación de Ourense presentaron onte unha nova edición do Plan «Activamos-Transforma Ourense», unha iniciativa conxunta para a que a entidade financeira compromete outros 37 millóns de euros en crédito a pymes, autónomos, familias e corporacións locais co obxectivo de impulsar o desenvolvemento económico e social da provincia de Ourense.

O presidente da Deputación de Ourense, Manuel Baltar; o director de Banca Institucional de ABANCA, Santiago Novoa, e o director territorial da entidade en Ourense, Rubén Saavedra, expuxeron ante destacados empresarios da provincia as principais liñas do plan e as novidades que incorpora este ano. A continuación, Manuel Baltar e Santiago Novoa rubricaron o novo convenio de colaboración que reforza a alianza estratéxica entre ambas entidades en favor do progreso socio-económico de Ourense.

O novo Plan Activamos-Transforma Ourense incrementa o crédito comprometido en máis dun 19% con respecto ao importe que figuraba no primeiro convenio de colaboración entre ambas entidades, subscrito en xullo de 2014. Outra das grandes novidades do programa é a baixada de tipos de xuros dos créditos, que se sitúan moi por debaixo do mercado.

Durante a presentación, Manuel Baltar destacou «a importancia de renovar esta alianza estratéxica con ABANCA, pois Caixa Ourense, unha das entidades que deron lugar a ABANCA naceu na Deputación Provincial, e cremos que esta filosofía de traballar pola provincia se manifesta no acordo que reeditamos hoxe, poñendo a disposición de familias, autónomos, empresas e corporacións locais 37 millóns de euros para afrontar novos proxectos». Baltar considera que esta é «unha medida consecuente co Plan Transforma Ourense que asinamos en Oseira no ano 2014, e cremos que con este acordo os cidadáns tamén poden ver o compromiso de ABANCA con Ourense, que trae como consecuencia a mellora socio-económica da nosa provincia».

O presidente do goberno provincial afirma que as administracións públicas «temos que procurar a xeración de condicións para o desenvolvemento social e económico dos territorios, e esta alianza da Deputación con ABANCA é unha delas, como tamén o recente acordo acadado para levar a cabo a que será nos vindeiros meses a primeira misión comercial dos Estados Unidos a Ourense, que forma parte, como outros temas de índole económica, do Plan Ourense 15-19″. Concluíu Manuel Baltar resaltando que hoxe ABANCA e a Deputación asinan este acordo para traballar por Ourense e para defender a Ourense».

Pola súa parte, Santiago Novoa resaltou «o alcance que este programa de apoio financeiro ten no tecido económico e social da provincia», e agradeceu «a colaboración que está prestando a Deputación de Ourense». «Esta alianza que hoxe renovamos permítenos impulsar o progreso da provincia cun programa exclusivo, con créditos «brandos» para financiar, principalmente, pequenos proxectos de pemes, micro-pemes, autónomos e familias», sinalou o directivo de ABANCA.

Condicións especiais

Ademais da redución de prezos, as liñas de financiamento contan con outras condicións moi vantaxosas: tipos de xuros sen bandas de flutuación, cero comisións de apertura, estudo, amortización ou cancelación anticipada; amplos prazos de amortización, e posibilidade de carencia en aquelas modalidades nas que o cliente necesita un prazo para situarse en condicións de xerar ingresos.

O Plan Activamos/Transforma Ourense financia a pemes e autónomos na posta en marcha de proxectos emprendedores, desenvolvemento de novos investimentos, creación de emprego, actuacións de mellora enerxética nos seus negocios e tamén cobre necesidades de circulante.

Para as familias, ABANCA oferta a través deste programa de financiamento préstamos para a dotación de equipamento tecnolóxico, realización de actividades de formación, reformas no fogar que contribúan á mellora da accesibilidade ou a eficiencia enerxética, e adquisición de vehículos eficientes.

Finalmente, as corporacións locais poden optar no marco deste programa a préstamos para acometer pequenos investimentos municipais e necesidades de tesourería e, como novidade este ano, tamén teñen á súa disposición avais e liñas de confirming con tarifas especiais.

Apoio ao tecido empresarial

O Plan Activamos-Transforma Ourense permitiu na súa primeira edición a formalización de 979 operacións de crédito na provincia, cun importe global de 34 millóns de euros (catro millóns máis dos fixados inicialmente no convenio). Pemes, micro-pemes, comerciantes e autónomos foron os principais beneficiarios do programa, ao concentrar o 95 % das operacións e o 93 % do financiamento concedido na provincia. En cifras totais, o Plan Activamos-Transforma Ourense apoiou con crédito a 933 pequenas empresas e autónomos, que recibiron no seu conxunto 31,5 millóns de euros.

«Os créditos a estes colectivos empresariais destináronse maioritariamente a financiar novos investimentos empresariais e iniciativas de emprendemento e, en menor medida, a atender necesidades de liquidez», explicou Rubén Saavedra. O plan tamén favoreceu, a través do financiamento, a posta en marcha de 105 proxectos de emprendedores e facilitou a 378 empresas da provincia o desenvolvemento de novas inversións. O importe medio do financiamento a pemes e autónomos foi de 33.800 euros.

As liñas de financiamento para familias do Plan Activamos-Transforma Ourense permitiron a inxección de case 500.000 euros en crédito na provincia. As familias ourensás aproveitaron as boas condicións deste programa de créditos, principalmente, para financiar pequenas obras de mellora enerxética no fogar e actividades de formación. O importe medio destes préstamos foi de 13.900 euros.

0 0 MN e Abanca feb16 2

También te podría gustar...