Montserrat Pis gañadora do XIII Premio «Pura e Dora Vázquez»

  • A escritora compostelá Montserrat Pis Marcos gaña o XIII Premio «Pura e Dora Vázquez» de Narración coa obra «Damaluar»
  • O xurado deu a coñecer hoxe seu ditame en Ourense, destacando que a obra gañadora é «unha historia tenra cunha interesante vertente educativa, na que os personaxes transmiten moitos valores»
0 0 ditame XIII premio Pura e Dora Vazquez

Ditame XIII premio Pura e Dora Vazquez

 

A escritora compostelá Montserrat Pis Marcos (Santiago de Compostela, 1983) coa obra «Dos estranos ollos de Damaluar e das aventuras que lle sucederon o día que desapareceron as súas zapatillas» (presentada baixo o lema «Cando Lady Moon acordou, o ornitorrinco aínda estaba alí»), foi a gañadora do XIII premio de literatura infantil e xuvenil «Pura e Dora Vázquez» na modalidade de Narración, dotado con 1.500 euros, que convoca a Deputación de Ourense.

O xurado deu a coñecer a súa resolución esta mañá trala reunión mantida no Centro Cultural «Marcos Valcárcel» da Deputación de Ourense, destacando da obra galardoada que se trata «dunha historia extraordinaria, que transmite moita tenrura, e ten unha vertente educativa moi interesante na que os personaxes transmiten importantes valores». Asemade o xurado puxo de manifesto «a narrativa, coloquial pero con cultismos, e o xénero fantástico, que denota unha autoría literaria avezada», destacando que a obra «axéitase ben para poder ser ilustrada dentro do espírito do premio».

Das 16 obras presentadas ao premio nesta edición, o xurado destacou «a alta participación e o alto nivel de todas as obras presentadas, polo que resultou moi difícil tomar a decisión, pero por unanimidade se acordou a obra gañadora».

Agora ábrese o prazo para o Premio de Ilustración e os interesados en participar no «XIII Premio Pura e Dora Vázquez de Ilustración», poderán solicitar a obra premiada de narración a través do correo electrónico publicacions@depourense.es ou a través do teléfono 988 317790, para o cal a Deputación de Ourense abre a súa convocatoria dende hoxe. A esta modalidade de ilustración poderán concorrer os ilustradores que presenten os seus traballos, inéditos e orixinais que se axusten ás bases do premio e que tomen como base o texto premiado de Montserrat Pis Marcos. Nesta modalidade establécese un premio coa mesma contía co de narración de 1.500 euros, e os traballos deberán presentarse antes do día 31 de marzo de 2016.

O xurado da XIII edición do «Premio Pura e Dora Vázquez de Narración» estivo presidido polo deputado provincial de Cultura, Manuel Doval, e integrado como vogais por José Manuel Fernández López, Carlos Rodríguez Calvo, Mario González Sánchez e Xosé Manuel Cid Fernández, actuando como secretaria Ana María Malingre Rodríguez.

Montserrat Pis Marcos naceu en Santiago de Compostela no ano 1983, alí se licenciou en Historia da Arte. Entre os premios literarios e distincións que recibiu figuran: finalista do concurso de contos Emiliano Barral (Segovia) por «Las alas de Fatma» (2014); gañadora do terceiro premio do Certame de relato corto Librerías ILCSA e Libro Club (México) por «Las alas de Fatma» (2014); finalista do Certame Ángel Ganivet (Finlandia) por «Golfín» (2014); gañadora do concurso de contos Berta Piñán (Asturias) por «Golfín» (2014), e o ano pasado foi finalista do Certame internacional de relatos cortos «Filando cuentos de mujer» (Asturias) por «La lectora de horas muertas» (2015). Tamén gañou o Certame de novela corta «Ciudad de Tíjola» (Almería) por «La tejedora de palabras» (2015).

También te podría gustar...