A misión comercial USA-Ourense coordinada pola Deputación
- A Deputación coordinará os grupos de traballo das empresas ourensáns que participen na misión comercial USA-Ourense
- Manuel Baltar, impulsor desta iniciativa de internacionalización, reuniuse onte con empresarios de sectores líderes na provincia de Ourense para avaliar os resultados da súa viaxe a Washington e planificar estratexias cara ao encontro cos empresarios estadounidenses
- Os grupos de traballo das empresas ourensáns enmárcanse no interese pola internacionalización; a promoción e desenvolvemento de produto; a realización de proxectos asociados, e os investimentos conxuntos
A Deputación coordinará os grupos de traballo das empresas ourensáns que participen na misión comercial que empresarios de Estados Unidos realizarán na provincia de Ourense. Así o acordaron o presidente da Deputación de Ourense, Manuel Baltar, e empresarios de sectores líderes da economía ourensá na reunión que celebraron onte no Pazo Provincial, xuntanza que se enmarca na rolda de contactos que ven mantendo o presidente Baltar para planificar estratexias de interese común en favor das empresas de Ourense, que permitan o crecemento e a creación de emprego na provincia ourensá.
En concreto, na reunión de onte, Manuel Baltar, impulsor desta iniciativa de internacionalización, expúxolles aos empresarios os resultados da súa recente viaxe a Washington, na que mantivo encontros con Seward L. Jones, secretario de Estado para Eurasia do Departamento de Comercio de Estados Unidos, e coa vicepresidenta para Asuntos Europeos da Cámara de Comercio norteamericana, Marjorie Chorlins. Neste sentido, a Administración USA «certifica e avala» a misión comercial de empresas USA a Ourense, circunstancia que valoraron moi positivamente os empresarios na xuntanza de hoxe.
O seguinte paso será, segundo Manuel Baltar, «organizar os grupos de traballo das empresas de Ourense para que fagan as súas propostas nos ámbitos de actividade nos que desexen colaborar coas empresas de Estados Unidos, sinaladamente, os referidos a internacionalización; promoción e desenvolvemento de produto; realización de proxectos asociados, e investimentos conxuntos».
Baltar subliña que na planificación da misión comercial «asentarase boa parte do éxito e das consecuencias positivas que este encontro USA-Ourense pode ter para a economía da nosa provincia, pois temos a oportunidade de «vender a marca Ourense e, con ela, todo o que significa de singularidade e calidade», expresou o presidente da Deputación.
A misión empresarial USA-Ourense será a primeira misión de empresas norteamericanas que visitará a provincia de Ourense, unha estratexia na que se leva traballando desde hai meses no goberno provincial, pois os orzamentos da Deputación de Ourense para 2016 xa lle dan cobertura tanto a esta misión empresarial como tamén a outro aspecto importante das relacións económicas e formativas entre Ourense e USA: o «Programa de Bolsas Internacionais».
Esta novidosa acción de relacións institucionais no ámbito comercial entre Ourense e USA é pioneiro en Galicia, xa que, por primeira vez, o Goberno de Estados Unidos certifica e avala unha misión comercial destas características. Os únicos referentes de misións comerciais de Estados Unidos en España producíronse ata o momento en Madrid e Barcelona.