‘O corazón está do teu lado’ campaña nos colexios para educar aos nenos en condutas axeitadas para incrementar a seguridade viaria
- A conselleira de Infraestruturas, Ethel Vázquez, xunto co director da Axencia Galega de Infraestruturas, Francisco Menéndez, presentou onte as accións do Plan de Seguridade Viaria 2016-2020, cuxo obxectivo é reducir nun 50% as vítimas mortais nas estradas galegas, con respecto ao ano 2011
- A Xunta levará a campaña ‘O corazón está do teu lado’ aos colexios galegos para educar aos nenos en condutas axeitadas para incrementar a seguridade viaria
- Distribuiranse entre os escolares ‘latexos’, uns dispositivos led para chamar a atención sobre a necesidade de empregar as sendas peonís ou de circular polo lado esquerdo da estrada facéndose visibles aos condutores
- Achegarase tamén material didáctico nas escolas para que os profesores reforcen aos rapaces de 6 a 8 anos en accións seguras
- Vázquez destaca que o Goberno galego destinará 20 millóns de euros a reforzar o firme en 525 quilómetros das estradas autonómicas, 180 deles en travesías
- Adianta que a Xunta presentará en breve un Plan de Sendas que permitirá executar 170 km de sendas peonís e para bici, construíndo na primeira fase 75 km de sendas en concellos de 7 comarcas, cun investimento de 26 millóns de euros
- O Plan presentado hoxe, consensuado con diferentes colectivos, entre eles os motoristas, inclúe a colocación de barreiras e de sistemas de protección ou a mellora de bifurcacións ante posibles impactos
- Subliña “o compromiso da Xunta coa seguridade nas estradas, unha materia prioritaria, xa que se trata da vida das persoas e non hai nada por riba diso”
A conselleira de Infraestruturas e Vivenda, Ethel Vázquez, presentou onte as actuacións do Plan de Seguridade Viaria 2016-2020, entre as que destaca a campaña ‘O corazón está do teu lado’, que a Xunta levará en breve aos colexios galegos para educar aos máis novos en condutas axeitadas para incrementar a seguridade viaria. Nesta rolda de prensa tamén participou o director da Axencia Galega de Infraestruturas, Francisco Menéndez.
Esta campaña divulgativa, realizada en colaboración coa Consellería de Educación, distribuirá nos colexios unidades didácticas para que os profesores conten co material idóneo para poder traballar cos rapaces de 6 a 8 anos.
Ethel Vázquez concretou que se repartirán 6.000 dispositivos, en forma de corazón, de aí o seu nome, Latexo, co fin de chamar a atención dos nenos sobre a importancia de que empreguen as sendas peonís ou da necesidade de que, cando camiñen pola marxe dunha estrada sen beirarrúa nin senda, o fagan sempre pola marxe esquerda ou que se dean a ver o máximo posible aos vehículos que circulan pola vía, para evitar posibles accidentes.
Vázquez subliñou que “a Xunta de Galicia está comprometida coa seguridade nas estradas, sendo unha materia absolutamente prioritaria, xa que se trata da vida das persoas e non hai nada por riba diso”.
Reforzo de firmes Outra das accións que a Consellería de Infraestruturas está a desenvolver co obxectivo de mellorar a seguridade viaria é unha intensa campaña de reforzo de firmes nas estradas autonómicas, tanto en zonas urbanas como en travesías. A estes traballos o Goberno galego destinará case 20 millóns de euros, o que vai permitir actuar en 525 quilómetros das estradas autonómicas, 180 deles especificamente en travesías.
A conselleira precisou que entre os contratos xa licitado e os previstos por licitar súmanse 215 quilómetros e un investimento de case 10 millóns de euros a executar neste mesmo ano.
Plan de sendas O Goberno galego está a elaborar un Plan de sendas que se inclúe como un elemento fundamental dentro Plan de Seguridade Viaria 2016-2020, ao aumentar a seguridade a usuarios vulnerables das estradas:
Vázquez adiantou que este plan permitirá executar 170 novos quilómetros de sendas peonís e para bici. Precisou que nunha primeira fase do plan, que se presentará en breve, executaranse 75 novos quilómetros de sendas en concellos de sete comarcas galegas, cun investimento que supera os 26 millóns de euros.