As primeiras probas Celga 2016 en abril

  • A Secretaría Xeral de Política Lingüística convoca para o mes de abril as primeiras probas de acreditación da lingua galega (Celga) do ano 2016
  • Os exames realizaranse, nos seus catro niveis, os días 2, 3, 9 e 10 de abril en Santiago de Compostela e Ponferrada
  • O prazo de inscrición estará aberto desde hoxe ata o vindeiro 8 de febreiro

celga_webO Diario Oficial de Galicia publicou onte a Resolución do 23 de decembro de 2015, da Secretaría Xeral de Política Lingüística, pola que se convocan as probas para a obtención dos certificados de lingua galega, niveis Celga 1, 2, 3 e 4, no ano 2016 (ED114A).

O prazo de inscrición nestes exames, que se realizarán os días 2, 3, 9 e 10 de abril en Santiago de Compostela e Ponferrada (dado o especial interese da promoción do uso do galego nos territorios galegofalantes do Bierzo e Sanabria), está aberto desde mañá ata o vindeiro 8 de febreiro. Canda a publicación das listaxes de admitidos definitivas, comunicarase o lugar ou lugares onde se realizarán os exames.

As probas celebraranse nas fins de semana do 2 e 3 (Celga 4 e Celga 2, respectivamente) e do 9 e 10 (Celga 3 e Celga 1, respectivamente). A convocatoria completa pódese consultar no Diario Oficial de Galicia de hoxe e no Portal da Lingua Galega www.lingua.gal.

Dúas convocatorias de probas para este ano
A Consellería de Cultura e Educación reorganiza con esta convocatoria, que será a primeira do 2016, a loxística pola que se vén desenvolvendo o sistema de acreditación do Celga desde a súa implantación no ano 2007. Por primeira vez, contarase nas probas con profesorado Celga que desde o ano pasado forma parte do persoal propio deste departamento.

Tamén se coordina o desenvolvemento de cursos e probas Celga, para o que se establece un cronograma anual conxunto que contempla a celebración dos exames inmediatamente posterior ao desenvolvemento dos cursos preparatorios, con dúas quendas neste ano, unha en cada semestre.

Así, a Xunta de Galicia xa está a traballar nunha segunda convocatoria que se desenvolverá no segundo semestre de 2016, tras a correspondente quenda de cursos preparatorios que se fará pública proximamente.

O sistema Celga
O Celga é o certificado en lingua galega que expide a Secretaría Xeral de Política Lingüística da Xunta de Galicia e que acredita o coñecemento da lingua en cinco niveis: Celga 1, Celga 2, Celga 3, Celga 4 e Celga 5. Trátase dun modelo de aprendizaxe, ensino e avaliación de lingua galega adaptado ao Marco europeo común de referencia para as linguas definido polo Consello de Europa, no que se describen os coñecementos e habilidades que se contemplan en diferentes niveis para que a comunicación sexa eficaz.

O sistema Celga proporciona unha base común para a elaboración de programas de linguas, orientacións curriculares, exames, manuais etc. en toda Europa e configúrase en distintos niveis de coñecemento. Para isto, recolle as habilidades que reflicten a competencia comunicativa nas distintas destrezas e agrupa os contidos en lingua e comunicación (aqueles aspectos relacionados coas funcións comunicativas) e lingua e sistema (os vinculados co coñecemento do código e contidos socioculturais).

También te podría gustar...