«Nadal en rede», que na Rúa contou coa actuación da Gramola Gominola, superou as 3.000 persoas
- Máis de 3.000 persoas participaron nas actividades en xira do programa «Nadal en rede» da Consellería de Cultura e Educación durante as pasadas festas
- ‘A cantar con… A Gramola Gominola’, ‘Cantos Contos no Nadal’ e ‘ISIstorias de Nadal’ chegaron a 30 entidades da Rede de Dinamización Lingüística
- A oferta de ‘Nadal en Rede’ estendeuse tamén de xeito virtual, cun bo feixe de recursos dixitais para felicitar e celebrar en galego o tempo do Nadal
A cuarta edición do programa de dinamización lingüística ‘Nadal en Rede’ rematou logo destas dúas semanas de festas nas que tres actividades estiveron en xira por toda Galicia co obxectivo de celebrarmos en galego o tempo de Nadal.
Arredor de 3.200 persoas asistiron a algunha das 30 citas que a Rede de Dinamización Lingüística programou noutras tantas entidades pertencentes ao seu núcleo. A RDL, que promove a Xunta de Galicia canda 170 entidades locais, programou as propostas musicais para a xente miúda da casa ‘A cantar con… A Gramola Gominola’ e ‘Cantos Contos no Nadal’, e mais a actividade de humor ‘ISIstorias de Nadal’.
Estas tres iniciativas visitaron os concellos da Bola, A Rúa, Bande, Boimorto, Burela, Campo Lameiro, Cangas, Celanova, Corcubión, Cospeito, Curtis, Dumbría, Forcarei, Frades, Laxe, Melón, Mesía, Mondariz-Balneario, Monterroso, Muíños, Muros, Parada de Sil, Pontecesures, Ramirás, Sarreaus, Sober, Sobrado dos Monxes, Toén, Toques e Verín, para despedir o 2015 e darlle a benvida ao 2016.
Rock, funk ou blues coa Gramola Gominola ‘A Gramola Gominola’, o primeiro grupo de rock infantil en galego, presentou unha actividade dirixida especialmente á cativada de 5 a 10 anos e ás súas familias. Aínda tendo como eixe central o rock and roll, mostrou diferentes estilos da música contemporánea: desde o reggae ás baladas heavies, pasando polo pop e o funk, o country, o blues ou o ska.
Música e contacontos para o Nadal Unha proposta anovadora de cantacontos participativos dirixida a familias con fillos de 2 a 5 anos que tivo na música o seu fío condutor. Guiado polo coñecido cantante Pablo Díaz, o público colaborou contando historias e aprendeu cancións para repetir na casa, nas longas sobremesas de Nadal.
Isi e as súas historias de Nadal ‘ISIstorias de Nadal’ estivo destinada a público de calquera idade, e supuxo un xeito perfecto de reivindicar a simbiose entre a anécdota popular e a tradición oral, combinadas aquí para difundir a lingua galega. Protagonizada polo televisivo Isi, unha das características deste humorista é o partido que lles tira ás vivencias persoais e ás do seu contorno; desta volta, co Nadal como pano de fondo.
Recursos na rede Ademais, ‘Nadal en Rede’ facilitou catro recursos dixitais pensados para estas festas e descargables, de balde, desde o Portal da Lingua Galega www.lingua.gal
A estrea da ferramenta ‘Resposta dos Reis’ para que pais e nais (así como os servizos de normalización dos concellos que o desexaron) puideran elaborar unha resposta das Súas Maxestades de Oriente ás misivas enviadas pola rapazada; a ‘Carta aos Reis Magos’, un modelo para escribirlles a Melchor, Gaspar e Baltasar en galego; o ‘Libro dos Reis Magos’, con discursos na lingua propia de Galicia co propósito de facilitarlles o traballo nas cabalgatas ás Súas Maxestades; e a aplicación ‘Postais en galego’, para felicitar as festas electronicamente con mensaxes na nosa lingua.
Xira de Nadal dos Bolechas Os Bolechas e a súa Xira de Nadal percorreron Foz, Verín e Viveiro -tres localidades da Rede de Dinamización Lingüística- durante este tempo de vacacións escolares.
Houbo obradoiros de debuxo, cine, música, ludoteca, sala de ordenadores… e moitos agasallos que complementaron, con esta actividade, a programación de ‘Nadal en Rede’.