Novo éxito de Pazolandia que superou os 35.000 visitantes
- Máis de 35.000 persoas visitaron a 23ª edición de Pazolandia
- Este evento infantil organizado pola Deputación de Ourense converteuse no maior parque de atraccións estacional de Galicia
Máis de 35.000 persoas pasaron dende o 26 de decembro ata o 4 de xaneiro, polo Pazo dos Deportes «Paco Paz» con motivo da 23ª edición de Pazolandia. Este evento infantil que organiza a Deputación de Ourense dende o ano 1993, converteu o Pazo dos Deportes no maior parque de atraccións estacional de Galicia.
O parque ofreceu aos visitantes uns 8.000 metros cadrados entre espazos exteriores e interiores, con máis de cen actividades de lecer, entre atraccións clásicas de feira, obradoiro de realidade virtual, ludoteca e multiespazo de videoxogos.
Pazolandia cumpre este ano a súa 23ª edición, converténdose nunha importante cita durante o Nadal tendo en conta a gran acollida que ten non só entre os ourensáns senón tamén entre visitantes de distintas partes de Galicia que acudiron durante estes días a Pazolandia.
Máis de 60 concellos da provincia participaron na actividade achegando 3.500 nenos e nenas que gozaron dunha bonificación no prezo da entrada e a reserva da xornada facilitando así o acceso do medio rural ourensán a esta oferta lúdica.
As actividades desenvolvéronse nun total de 17 sesións (dúas diarias) que tiveron lugar en horario de mañá, de 11.00 a 14.00 horas, e de tarde, de 17.00 a 20.00 horas.
Esta edición contou cunha serie de novidades como foron a Noria xigante instalada na cancha central do Pazo dos Deportes, a ampliación do espazo de videoxogos e un cine 6D instalado nos exteriores do recinto.
En Pazolandia traballaron oitenta persoas, entre persoal das atraccións, limpeza, monitores de animación, técnicos electricistas e de mantemento, montadores, coidadores, taquilleiros, Cruz Vermella, médicos, vixilantes e persoal administrativo.