Baltar «Ourense é sinónimo de transparencia», Transparencia Internacional puntúa á Deputación de Ourense cun 96,5 sobre 100

  • «Transparencia Internacional» publicou un estudo que avalía aos 45 gobernos provinciais de España e volve situar a Deputación de Ourense entre as máis transparentes cunha puntuación global de 96´5 puntos sobre 100
  • O goberno provincial de Ourense, o máis transparente de Galicia, seguido por Pontevedra, Lugo e A Coruña

0 Deputacin Ourense stima no ranking de TI

 

A Deputación de Ourense ven de acadar os primeiros postos dun ranking sobre transparencia no que se valoran os 45 gobernos provinciais de España. Así o fixo público a organización «Transparencia Internacional» nun estudo no que a Deputación de Ourense acadou unha puntuación global de 96´5 puntos sobre 100.

O goberno provincial de Ourense é líder, coa puntuación máxima de 100 puntos en tres das seis áreas avaliadas: información sobre a deputación provincial, relacións cos cidadáns e coa sociedade e transparencia nas contratacións de servizos.

A Deputación de Ourense é o primeiro goberno provincial de Galicia no estudo publicado cunha sétima posición no ranking, seguida de Pontevedra que se atopa no vixésimo posto, Lugo no vixésimo cuarto e por último, A Coruña cunha vixésimo quinta posición.

Manuel Baltar salienta «a fortaleza da nosa aposta pola transparencia como liña institucional básica» e lembra que Ourense constitúe un referente nacional neste ámbito con cuestións innovadoras, non avaliadas, como: a creación, dentro da estrutura orgánica, da área de transparencia e goberno aberto con identidade propia (unha das sete áreas en que se estrutura a administración provincial), a delegación dunha deputada do goberno provincial, Montserrat Lama –tamén voceira da Xunta de Goberno-, das competencias en materia de transparencia e goberno aberto, e a existencia dunha comisión coa denominación de «transparencia e administración provincial».

Manuel Baltar lembra que «o Plan Ourense 15-19 contén a posta en marcha da primeira plataforma provincial de participación cidadán así como a reforma do regulamento para incluír as preguntas ao presidente das veciñas e veciños da provincia».

A web da Deputación de Ourense, a primeira dun goberno provincial en España en retransmitir as sesións plenarias, serve tamén (con carácter pioneiro) para visualizar en directo ás comisións do ente provincial, ás aperturas de plicas das mesas de contratación ou aos sorteos dos membros de tribunais nas probas de acceso ao emprego público.

O presidente do goberno provincial destaca a «aposta irrenunciable pola transparencia, unha andaina sen volta atrás, recoñecida nacional e internacionalmente, como proban non só os índices de Transparencia Internacional e doutras institucións, senón tamén a invitación a falar do noso modelo a foros como o South Summit ou o Seminario de boas prácticas na gobernanza en Curitiba organizado polo Estado de Paraná para analizar modelos políticos de desenvolvemento territorial: Bos Aires, Toronto e Ourense».

A Deputación de Ourense foi a primeira en aprobar un código ético e de conduta, e nesa mesma liña de vangarda, o ente provincial aprobou tamén a primeira ordenanza de transparencia dun goberno provincial en España.

«Ourense é sinónimo de transparencia», conclúe Manuel Baltar, para quen este recoñecemento «danos aínda máis forza para seguir con esta aposta fulcral por compartir toda a información posible coas veciñas e veciños», filosofía que guiou tamén o apartado de «preguntas ao presidente» na web, co compromiso de respondelas nun tempo inferior a cinco días, e mesmo a APP para dispositivos móbiles da Deputación Provincial de Ourense.

A transparencia é ademais un piar fundamental de Partenalia, asociación europea de gobernos locais intermedios, na que o presidente da Deputación de Ourense forma parte do seu Consello Político. Por suposto, a transparencia é unha das máximas do Foro interprovincial de Innovación, posto en marcha polos deputacións de Ourense, Castellón, Zaragoza e Girona, como consecuencia do foro estatal celebrado hai semanas no Instituto Nacional da Administración Pública.

También te podría gustar...