Lembranza e homenaxe a Eduardo Blanco Amor no 36º cabodano do seu pasamento

  • O acto, que se celebrou onte no cemiterio de San Francisco, contou coa participación de autoridades e persoeiros da cultura galega
Acto de homenaxe a Eduardo Blanco Amor

Acto de homenaxe a Eduardo Blanco Amor

 

Con motivo do 36º cabodano do pasamento de Eduardo Blanco Amor, un ano máis, autoridades e persoeiros do mundo da cultura honran ao escritor ourensán nun acto de lembranza no cemiterio de San Francisco. O evento comezou coa lectura dun poema do escritor ourensán a cargo do presidente do Centro Pen Galicia, Luis González Tosar.Trátase dun acto no que colaboran varias institucións, a Deputación de Ourense, representada polo deputado provincial de Cultura, Manuel Doval; o Concello de Ourense, polo alcalde, Jesús Vázquez; e a Xunta de Galicia, polo Secretario Xeral de Cultura, Anxo Lorenzo.

O evento tivo lugar diante da campa onde está soterrado o autor de «A Esmorga», onde Luis González Tosar asegurou «Blanco Amor é amigo, escritor, cidadán comprometido, galeguista sempre atento á evolución da súa terra, emigrante e ourensán que hoxe vimos a homenaxear como habitualmente facemos dende hai 8 anos».

Manuel Doval destacou «o profundo amor que Eduardo Blanco Amor sentía pola nosa terra e pola nosa lingua e levou a Galicia por todo o mundo e entre todos debemos seguir a construír Galicia», e engadiu, «a Deputación de Ourense continuará a traballar a reo pola cultura, e a potenciar as xoias dos ilustres ourensáns».

Este ano o mantedor do acto foi o xornalista Arturo Lezcano, que segundo Luis González Tosar «foi amigo de Blanco Amor, frecuentou nos anos 60 ao escritor no seu regreso á cidade e sabe mellor das amarguras e das angueiras do escritor ourensán». Arturo Lezcano comezou a súa intervención dirixíndose a Eduardo Blanco Amor «non estamos aquí para renderte homenaxe nin para lembrarte senón para seguir a facer tertulia ao redor de ti como facíamos antes».

Pola súa banda, Anxo Lorenzo, destacou a gran lección do escritor ourensán porque «tiña moitas opcións e el escolleu ser un escritor en galego». Ademais asegurou que Blanco Amor é «un referente das letras galegas do século XX nas súas diversas facetas».

Jesús Vázquez asegurou que «Ourense débelle moito a este escritor para quen esta cidade foi fonte de inspiración».

O director da película «A Esmorga», Ignacio Vilar, tamén mantivo unha tertulia con Blanco Amor ao que lle recordou que «a inmortalidade é coller o testigo da túa gran obra e a Esmorga aínda segue viva».

Eduardo Blanco Amor era «un forxador de soños e loitador contra a mentira» asegurou Luis González Tosar, e continuou dicindo «a cultura do século XXI non é a cultura dos tempos de Blanco Amor pero é a cultura que el soñou e quería para Galicia».

O acto tamén contou coa participación de alumnos e alumnas do IES Eduardo Blanco-Amor e o IES do Couto e rematou cunha ofrenda floral ao son da marcha do antigo Reino de Galicia da man de integrantes da Real Banda de Gaitas.

También te podría gustar...