Quiroga recibe hoxe ‘Contos en Rede’ que conclúe a súa xira esta fin de semana

‘Contos en Rede’ conclúe a súa xira esta fin de semana con seis funcións noutras tantas localidades da man de Cultura e Educación.

  • A Baña, Boiro, Cotobade, Ordes, Quiroga e Val do Dubra son os derradeiros escenarios para gozar desta actividade de dinamización lingüística
  • Os tres contadores da xira Ana Carreira, Inacio Vilariño e Santi Prego suman un total de 30 localidades visitadas con esta proposta para toda a familia
  • ‘FalaRedes 2015’ é a cuarta edición deste programa que a Secretaría Xeral de Política Lingüística lle ofrece á Rede de Dinamización Lingüística da Xunta de Galicia

image_gallery (4)‘Contos en Rede’, a terceira das actividades que a Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, a través da Secretaría Xeral de Política Lingüística, programa neste 2015 chega ao seu remate. A consellería estivo a ofrecerlle esta proposta de lecer ás entidades pertencentes á Rede de Dinamización Lingüística da Xunta de Galicia. A aventura, que comezou o 10 de outubro no concello lucense de Carballedo, acumulará á súa fin este domingo un total de 30 localidades visitadas dentro da RDL.

As seis derradeiras oportunidades para gozar desta actividade son: o venres, na Baña (ás 20:00 horas, no Centro Social, co contador Santi Prego); e tamén no Val do Dubra (ás 22:00 horas, na Casa da Cultura, con Inacio Vilariño). O sábado, quenda de Quiroga (ás 19:00 horas, na Casa da Cultura, con Inacio Vilariño) e de Ordes –en colaboración coa Mancomunidade de Concellos da Comarca de Ordes- (ás 20:30 horas, na Casa da Cultura, con Santi Prego). E para a xornada de peche, o domingo, hai unha cita en Boiro –en colaboración coa Mancomunidade Ría de Arousa-Zona Norte- (ás 19:00 horas, na Casa da Cultura, con Inacio Vilariño) e outra en Cotobade (ás 19:30 horas, na aula de usos múltiples do IES de Cotobade, coa contadora Ana Carreira). A entrada é, coma sempre no ‘FalaRedes’, libre e de balde ata completar a capacidade das salas.

O poder da transmisión oral
‘Contos en Rede’ é unha alternativa oral que pretende resaltar a importancia da transmisión por medio da fala, grazas ás historias e aos contos de Ana Carreira, Inacio Vilariño e Santi Prego. Destinada a público de calquera idade, a actividade está a percorrer un total de 30 entidades (27 municipios e 3 mancomunidades) ao longo dos meses de outubro e novembro.

É este un tempo que se caracteriza polas xuntanzas a carón do lume para escoitarmos os contos que, de xeración en xeración, veñen transmitíndose en lingua galega. Contos novos e vellos, de intriga ou de humor, a través dos que se pretende acadar tres obxectivos fundamentais: incentivar o uso do galego oral como ferramenta de creación artística, incrementar a oferta de actividade cultural en lingua galega e máis espallar o traballo dos artistas que realizan as súas actividades na lingua propia de Galicia.

‘FalaRedes 2015’
A cuarta edición do programa de dinamización lingüística ‘FalaRedes’ mantén os obxectivos das anteriores de ofrecer propostas de lecer de calidade en galego para todas as idades e de promover, con elas, o uso e mais a valoración positiva da lingua propia de Galicia.

 

También te podría gustar...