Unha xornada formativa da a coñecer aos concellos novas ferramentas de xestión de pago a provedores

  • Deputación de Ourense e Abanca organizan este seminario cuxo obxectivo é facilitar á administración local o cumprimento dos prazos de pago establecidos pola lei e tamén proporcionar aos provedores un medio para axilizar o cobro de facturas

 

Carlos Castiñeiras, Manuel Baltar e María José López Rubal

Carlos Castiñeiras, Manuel Baltar e María José López Rubal

O presidente da Deputación de Ourense, Manuel Baltar, participou hoxe xunto a María José López Rubal, coordinadora de relacións institucionais en Abanca, nunha xornada formativa dirixida a alcaldes e técnicos da administración local da provincia de Ourense na que se deron a coñecer novas ferramentas de xestión de pago a provedores, como a denominada «Confirming». O seminario, desenvolvido no Centro Cultural «Marcos Valcárcel» e organizado pola Deputación de Ourense e Abanca, ten como obxectivo facilitar á administración local o cumprimento dos prazos de pago establecidos pola lei e tamén proporcionar aos provedores un medio para axilizar o cobro de facturas.

O relatorio técnico foi impartido por Nélida Alonso Esteban, xerente de medios de pago de Abanca, e Ángeles López Escudero, coordinadora de factoring e confirming da citada entidade, e moderado por Carlos Castiñeiras, xefe do Negociado de Formación da Deputación de Ourense.

O presidente do goberno provincial destacou na inauguración da xornada «a alianza que mantén a Deputación de Ourense con Abanca en diferentes ámbitos, entre os que destacou o «Plan Activamos/Transforma Ourense», que o ano pasado permitiu en poucos meses a inxección de preto de vinte millóns de euros no tecido económico e social da provincia de Ourense. «Abanca é un aliado estratéxico que contribúe a desenvolvemento da nosa provincia», dixo Manuel Baltar, e lembrou que todo o que sexa «seguir mellorando na xestión económica dos nosos concellos contribuirá á súa modernización e a mellorar tamén a súa competitividade». Neste sentido, subliñou o labor que a Deputación de Ourense e o Inorde levan a cabo co Observatorio Económico Ourensán, «unha ferramenta que a institución provincial desenvolve para a análise económica, laboral, empresarial e social da situación económica da provincia nas súas comarcas, e que nace da implicación das institucións (Deputación e Inorde), a universidade e o ámbito empresarial».

Pola súa banda, María José López Rubal agradeceu a implicación da Deputación de Ourense «neste proxecto formativo e noutros nos que estamos a colaborar conxuntamente goberno provincial e Abanca na procura dun obxectivo principal que non é outro que seguir impulsando a dinamización económica da provincia de Ourense».

También te podría gustar...