«Mariluz Barreiros encaixa perfectamente coas características do pobo ourensán: traballador, emigrante e creativo» Manuel Baltar
- O presidente da Deputación de Ourense dixo onte no acto de entrega do Premio Ourensanía 2015 que a figura da premiada, Mariluz Barreiros, «encaixa perfectamente coas características do pobo ourensán: traballador, emigrante e creativo»
- A premiada dixo sentir «unha alta honra e fonda emoción» por recibir este galardón «que supón un recoñecemento ao labor realizado polo meu pai», e dedicóullelo «a todos os emprendedores ourensáns»
- A entrega do premio tivo lugar no Teatro Principal de Ourense á promotora e presidenta da Fundación «Eduardo Barreiros», dedicada á perpetuación da memoria do impulsor da industria do automóbil na España de mediados do século XX
O presidente da Deputación de Ourense, Manuel Baltar, dixo onte, no acto de entrega do Premio Ourensania 2015 que Eduardo Barreiros «foi o motor da irrenunciable ambición colectiva do pobo ourensán», e destacou que a figura da premiada este ano «encaixa perfectamente coas características do pobo ourensán: traballador, emigrante e creativo». A entrega do premio tivo lugar no Teatro Principal de Ourense a Mariluz Barreiros, filla de Eduardo Barreiros, promotora e presidenta da Fundación «Eduardo Barreiros», entidade dedicada á perpetuación da memoria do impulsor da industria do automóbil na España de mediados do século XX.
O acto contou ademais coa presenza do alcalde de Ourense, Jesús Vázquez; o conselleiro de Cultura, Román Rodríguez; o vicepresidente do Parlamento, Miguel Santalices; o subdelegado do Goberno, Roberto Castro; a delegada territorial da Xunta, Marisol Díaz, e persoeiros dos ámbitos institucional, social e cultural de Galicia.
No seu discurso, Mariluz Barreiros dixo sentir «unha alta honra e fonda emoción» por recibir este galardón «que supón un recoñecemento ao labor realizado polo meu pai», e dedicoulle «esta entrañable distinción da Ourensanía aos emprendedores ourensáns, un premio que supón para min un valioso tesouro que gardarei e exhibirei sempre». Asemade, Mariluz Barreiros fixo no seu discurso un percorrido pola vida persoal e empresarial de Eduardo Barreiros, lembrando sempre o seu amor por esta terra, «o que fixo patente en 1952 cando abriu a súa primeira nave industrial en Madrid e lle puxo o nome de «Galicia industrial», e cando 15 anos despois, en 1967, as súas instalacións ocupaban máis de dous millóns de metros cadrados, dando emprego a 25.000 persoas e exportando os seus produtos a 27 países, sempre sen esquecer a súa orixe do rural ourensán, onde foi revisor de autobús, mecánico e condutor antes de ser empresario», explicou a premiada.
Territorio, poboación e identidade
Pola súa banda, Manuel Baltar destacou no discurso de clausura a importancia da data de hoxe, día do patrón de Ourense, poñendo de relevo a figura de San Martiño, de quen o vindeiro ano se cumpren 1700 anos do seu nacemento, polo cal anunciou a celebración en Ourense dun congreso internacional sobre San Martín de Tours, evento que podería completarse cunha exposición sobre «Galicia en tempos de San Martín».
Na súa alocución Baltar falou de «territorio, poboación e identidade», características do pobo ourensán, que personificou na figura dos afiadores, orixinarios na súa maioría de Nogueira de Ramuín, «berce dun dos nosos sinais de identidade», unhas características coas que tamén definiu a Mariluz Barreiros, a quen deu os parabéns polo premio e a quen definiu como «embaixadora de Ourense polo mundo, cunha especial querencia por esa Ribeira Sacra para a que estamos traballando pola súa catalogación como Patrimonio Mundial pola UNESCO».
Manuel Baltar afirmou que o xurado do Premio Ourensanía «acertou plenamente distinguindo a Mariluz Barreiros nun ano de moita importancia para Ourense no eido da empresa e do emprendemento, porque se cumpren 50 anos de vida do Polígono Empresarial de San Cibrao das Viñas, verdadeiro pulmón económico da provincia e a gran concentración industrial de Galicia, con máis de 8.000 traballadores e máis de 320 empresas. Un polígono onde ivo tanto que ver o gran Eduardo Barreiros». Asemade, cualificou a Mariluz Barreiros como unha muller «decidida, valente e con personalidade definida», que conseguiu manter por medio da Fundación Eduardo Barreiros a memoria viva dun dos persoeiros máis importantes da España e da Europa do século XX».
O presidente do goberno provincial dixo que o decálogo de Eduardo Barreiros, escrito en 1970, segue hoxe tan vixente como entón. «Resúmese en sete palabras: traballo, paixón, lealdade, compromiso, tenacidade, estímulo e fe, as mesmas palabras de xeracións e xeracións de homes e mulleres de Ourense, dos que aquí estamos e dos que andan polo mundo; palabras dos que nos precederon, e que temos a obriga de transmitirlle aos que nos sucedan. Palabras e sentimentos de honra e de ourensanía», expresou Manuel Baltar.
Referíndose á Fundación Barreiros, da que e presidenta Mariluz Barreiros, Manuel Baltar dixo que esta institución, creada hai 17 anos, «ten unha fonda implicación no ámbito universitario e do coñecemento, contando coa presenza de persoeiros como Giuliani, Tony Blair ou Mijail Gorbachov, en destacadas conferencias. E aí tamén está Ourense».
Rematou Baltar falando da Ourensanía «que entende todo e que non esquece, que é solidaria e rexeita a miseria e o vitimismo para pensar sempre en clave de futuro». «Unha Ourensanía –dixo- que habita aló onde haxa un ourensán que sabe que non hai cousa imposible porque así o amosaron ourensáns doutros tempos, e que mellor exemplo que o de Eduardo Barreiros, un dos guías da Ourensanía. Sigamos militando na Ourensanía».
Sinatura no Libro de Honra
O evento comezou cun percorrido dende o Pazo Provincial ata o Teatro Principal que a premiada e o presidente do goberno provincial realizaron acompañados pola Real Banda de Gaitas da Deputación de Ourense. Previamente, Mariluz Barreiros foi convidada por Manuel Baltar a asinar no Libro de Honra da Deputación de Ourense.
Xa no teatro, ademais dos discursos de Mariluz Barreiros e Manuel Baltar interveu o presidente do PEN Galicia e mantedor da Ourensania, o escritor Luís González Tosar, e no ámbito musical actuaron o acordeonista ourensán Víctor Prieto e a Coral de Ruada, que pechou o acto coa interpretación do Himno Oficial da Provincia de Ourense.
Ditame do xurado
O «Premio Ourensanía» é un galardón que concede a Deputación de Ourense como recoñecemento honorífico a aqueles ourensáns ou persoas vinculadas á provincia de Ourense que teñen destacado nas súas facetas profesionais, sociais ou intelectuais.
Nesta quinta edición dos galardóns, o xurado acordou concederlle o premio a Mariluz Barreiros Ramos, filla do exemplar empresario ourensán Eduardo Barreiros Rodríguez, como promotora e actual presidenta da Fundación Eduardo Barreiros, dedicada á perpetuación da memoria do seu pai no rol de impulsor da industria da automoción na España de mediados do século XX, así como ao fomento da investigación no campo da tecnoloxía do automóbil, ademais de á difusión cultural de todo canto ten que ver co mundo do motor, exemplo do cal son o premio bianual «Eduardo Barreiros», a creación de bolsas de estudos de postgrao relacionadas coa enxeñería do automóbil ou o Museo «Eduardo Barreiros», situado en Valdemorillo (Madrid) e que pasa por ser a primeira mostra monográfica dedicada a unha figura relevante do mundo da automoción en España».
A acta do xurado salienta que, con este recoñecemento, o xurado desexa personalizar en Mariluz Barreiros a toda a familia Barreiros Rodríguez, incluíndo nela á súa nai Dorinda Ramos -tamén ourensá- e aos irmáns de Eduardo, Valeriano, Graciliano e Celso, orixinarios da parroquia de San Miguel do Campo (Nogueira de Ramuín) «onde Eduardo comezou a despuntar moi novo como un admirable emprendedor adiantado ao seu tempo e con cuxa actividade chegou a fomentar a creación de 25 mil postos de traballo directos e a xerar máis de 100 mil empregos indirectos».
O xurado fai tamén unha mención explícita á etapa final de Eduardo Barreiros como promotor da industria automobilística na Habana dos anos 80, «onde o seu papel de incombustible emprendedor chegou a acadar límites certamente transgresores e incluso heroicos, moi propios dos valores que representa a Ourensanía, ao conseguir reproducir na Cuba de Fidel Castro o sistema de produción industrial da automoción baseado na transformación dos motores de gasolina en motores diésel, que tantos éxitos nacionais e internacionais lle concedera na antagónica España dos anos 50 e 60».