Os expertos coinciden en que o liderado político «debe ser emocional, consciente de que as persoas son moito máis que unha papeleta na urna»

  • A Xornada, primeira destas características que organiza en España a Fundación Democracia e Goberno Local, desenvólvese no Centro Cultural «Marcos Valcárcel», coa participación do presidente da Deputación de Ourense, Manuel Baltar, e do xerente da Fundación Democracia e Goberno Local, José Luis Moreno Torres
Xornada sobre Liderado político, promovida pola Deputación de Ourense

Xornada sobre Liderado político, promovida pola Deputación de Ourense

 

O Centro Cultural «Marcos Valcárcel» da Deputación de Ourense acolle hoxe a xornada formativa sobre «Liderado político», organizada pola Deputación de Ourense e a Fundación Democracia e Goberno Local. O relatores convidados, que analizan o liderado político dende os puntos de vista da comunicación, a globalización, a ética, a transparencia e o bo goberno, coinciden en afirmar que o liderado político «debe ser esencialmente emocional, e o líder ten que ser consciente de que as persoas son moito máis que unha papeleta na urna», explicou José Luis Moreno Torres, xerente da Fundación Democracia e Goberno Local.

Moreno Torres destacou que quen aspira a exercer este liderado «ten que contar cun sólido fundamento dos valores persoais, porque non é cuestión de tácticas nin técnicas, a clave está na coherencia e na toma de decisións con prudencia e rectitude, exercendo o liderado de modo emocionalmente intelixente». Asemade, destacou a importancia de celebrar unha xornada destas características «nun momento como o que estamos a vivir actualmente no ámbito político no Estado» e agradeceu «o interese e colaboración da Deputación de Ourense, un dos gobernos provinciais que máis activamente colabora coa Fundación Democracia e goberno Local, e sinaladamente seu presidente, Manuel Baltar, de quen cabe destacar a súa capacidade de liderado emocional e persoal e de servizo á cidadanía».

A xornada está promovida pola Deputación de Ourense e está dirixida a cargos público locais electos. Os relatorios abranguen temas referidos a «Liderado inspirador e emocional na función pública», a cargo de Cristóbal Táuler San Miguel, director de RRHH e Formación na Fundación alia2; «O liderado político, os medios de comunicación tradicionais e as redes sociais», impartido por Santiago Delgado Fernández, profesor titular de Ciencia Política e Administración da Universidade de Granada; e «Ética, Transparencia e Bo Goberno», a cargo de Benigno Pendás García, director do Centro de Estudos Políticos e Constitucionais do Ministerio da Presidencia, e catedrático de Ciencia Política da Universidade CEU San Pablo.

Manuel Baltar afirma que esta actividade formativa e divulgativa sobre liderado político, xestión das administracións, transparencia e bo goberno «é unha nova aposta pola política con maiúsculas que desenvolve a Deputación de Ourense, na procura de levar a cabo iniciativas innovadoras que contribúan a facer unha xestión máis moderna e máis participativa e proactiva cos cidadáns para seguir mellorando os índices de eficiencia e eficacia nos servizos que ofrecemos aos cidadáns e concellos da provincia de Ourense».

Nos relatorios da xornada analízanse aspectos e características do liderado inspirador, o líder emocionalmente intelixente, liderado e valores persoais, estilos de liderado e o desenvolvemento do liderado inspirador.

También te podría gustar...