‘O escuro “porvir” da nosa área xeográfica’. Primeira parte
Ao longo de tres capítulos ou achegas tentarase trasladar aos que “se invistan” en ler estes cativos comentarios e predicións de futuro, no eido da realidade, unha imaxe avalada con exemplos sobre o abandono e esquecemento ao que veñen sometendo as nosas terras respectivas durante as derradeiras dúcias de anos precedentes.
Deste xeito imos cara a compoñer o que se cualifica en canto a un espazo ou “deserto demográfico”, cuxas notas máis salientables se contendrían nunha morea de sinais, entre as que atopamos: o envellecemento poboacional xa visible (nordeste de Ourense mailas Terras de Viana e de Trives), unha actividade económica restrinxida a concretos sectores industriais e comerciais, a fuxida do material humano (nomeadamente a mocidade preparada e con ganas de emprender e arriscarse) e a crise mineira (e tamén as mudanzas e inseguredades neste ámbito e que están a provocar inquedanzas na puxante capacidade extractiva louseira).
Dicíase daquela, no remate da década dos sesenta do pasado e inmediato século XX, que tres condicións “sine qua non” eran indispensables a prol do desenvolvemento socioeconómico e de sostibilidade laboral: un tecido que achegase unhas sinerxias baseadas na complementariedade e a axuda mutua, unha traxectoria e tradición dende antigo de innovacións, cun reemprazo empresarial ao longo de xeracións e unha planificación prospectiva a concertar e máis toda unha morea de comunicacións de calquer tipo avaliadas e acaídas no momento e lugar precisos – o mesmo fosen terrestres, aéreas e marítimas -, ademais de outras diversas no ámbito loxístico. E, asemade, cumpriría agromar proxectando a creación de viveiros formativos e unha plataforma dedicada a investigacións, estudos e outras análises de adaptacións e novidades varias.
Agora, coa vertixe dos tempos da postmodernidade, engádense aínda outras cuestións fundamentais:
É imprescindible contar con parques, liñas de pescuda de producións e desenvolvementos diversos, centros de marketing e promoción comercial, canais virtuais dirixidos a aumentar as vendas, xurdimento de estratexias de espallamento promocional e publicidade coa correspondente imaxe de marca e “know-how”, fomento dos avances vencellados aos gustos do consumidor,… É dicir, que o éxito vencéllase a multitude de accións sincrónicas ou sucesivas, mais sempre ben adaptadas e planificadas.
O máis sinxelo e constatable, para entender a idea-guía do relatorio, é o ligame entre as actividades encadenadas con vistas á exportación, nun mundo que tende a globalizarse e especializarse ata o infinito. As mercadorías que van ou veñen do alén amosan a capacidade de supervivencia das sociedades e nacións punteiras. Velaí que falemos nos vindeiros artigos de Eixos, “clusters”, “lobbys” incluso. Aínda que, co gallo de rematar e non esparexer o texto en demasía e antes de tratar do que bauticei fai tempo co termo “Eixo Atlántico ampliado”, cómpre alixerar a temática referindo as derradeiras (e inexistentes) infraestruturas viarias que (non) se construiron neste século nas nosas contornas.
A A-76 (Ponferrada-O Barco-Monforte-Ourense) defínese coma sobranceira comunicación terrestre e “estrela” a acometer. Neste senso, coido que non estaría de máis pensar que o “ramal” ou treito complementario entre A Rúa-A Veiga-A Gudiña (na conexión coa A-54) facilitaríanos achegarnos a Portugal por Verín.
Noutro canto, algúns reclamabamos – e nesta procura ficamos nestes intres- a Autovía Ponferrada-A Espina (ao fin de tirar os nosos produtos alimentarios axiña, através do Macroporto de Xixón e a Austoestrada do mar, e competir nos mercados europeos. A necesidade de respecto medioambiental ao Parque Natural de Fontes do Narcea era un atranco que se podía “deixar de banda” contemplando unas actuacións correctoras axeitadas. Tamén, centrados nesta inquedanza e preocupación, a apertura da A-8 podería ter sinalado a fita de esquecer as peaxes “a satisfacer” para facer un percorrido ata a veciña Asturias. A pesar de tan boas intencións, este noso gozo cativo quedou en nada, xa que a néboa do Alto do Fiuco volveunos á dura materialidade dende un soño que non foramos quen de acadar.
E, concluíndo, o que está de actualidade é a chegada da Alta Velocidade á cidade de León e o anuncio da vindeira inauguración do trazado Medina del Campo-Zamora. É que nos importa? Pois ben pouco, senón fora pola renuncia e rexeitamento do convoi das nosas xeracións a nacer (unha perda definitiva e para sempre). Reducido á denominación de “Tren de Altas Prestacións”, hoxe nos encamiñamos – como moito – a contentarnos cunhas prolongacións ou “lanzadeiras” dende Ponferrada a León ou de Monforte a Ourense, sen vías de amplitude e configuración europeas e quizais cunha pequena e sinxela mellora no trazado do amplo convencional.
A neglixencia dos políticos, o desacougo dos menos e o abandono da loita do resto condúcenos a albiscar unha terra sen progreso, sen oportunidades e que, esaxeradamente, prevese que sexa “un xeriátrico de segunda clase no contexto da aldea universal que nos agarda, vencellada a un conxunto de tecnoloxías avanzadas e co reforzo dunha sofisticación descoñecida ata entón polo que atinxe aos costumes e maneiras de vivir. (sic)
(Proseguirá…)
Marcelino B. Taboada
Mapas (complementos)