Manuel Baltar defende na FEMP a importancia da cooperación do municipalismo
- A Deputación de Ourense forma parte dende hoxe da Rede española de entidades locais pola transparencia e a participación cidadá, integrada por 176 entidades locais
- A solicitude para a integración de Ourense na rede foi defendida en Madrid polo presidente do goberno provincial na reunión da Xunta de Goberno da FEMP
O presidente da Deputación de Ourense, Manuel Baltar, defendeu hoxe na Xunta de Goberno da FEMP, que celebrou a súa reunión en Madrid, “a importancia da cooperación nesta nova etapa do municipalismo español, marcada pola máxima transparencia e a colaboración interinstitucional, dando cabida á proactividade e á participación da cidadanía nas decisións e proxectos dos gobernos locais”.
Neste sentido, dende hoxe, a Deputación de Ourense forma parte da Rede española de entidades locais pola transparencia e a participación cidadá, integrada por 176 entidades locais das máis de 8.150 que existen en todo o territorio estatal. Na reunión da Xunta de Goberno da FEMP deuse conta da solicitude de 21 novas adhesións á dita rede de transparencia e participación cidadá, relación na que só figuran dúas deputacións, Ourense e Castellón, sendo o resto concellos de diferentes cidades de España. En total, o número de habitantes que abranguen as entidades locais adheridas á rede ascende a 15.862.875.
Na reunión da Xunta de Goberno da FEMP tratáronse ademais temas relativos á Central de Contratación da FEMP; o convenio entre a FEMP e a Fundación Tripartita para a Formación no Emprego, acordo que ten como obxectivo a realización de actividades relacionadas coa difusión e a extensión da formación profesional para o emprego; e analizouse o papel das deputacións provinciais e os cabildos e consellos insulares ante o novo marco comunitario 2014-2020.
No ámbito económico, abordouse a aprobación do proxecto de Ley de Orzamentos Xerais do Estado para 2016 e deuse conta da adhesión da FEMP á campaña internacional para a Década do Emprego Xuvenil. No que atinxe á Igualdade, aprobouse a proposta de declaración institucional da FEMP con motivo do 25 de novembro, día internacional da eliminación da violencia contra a muller, e en canto a redes territoriais, aprobouse a incorporación da FEMP na Rede española de cidades saudables.
Finalmente, no que atinxe ao ámbito internacional, informouse sobre a comisión interterritorial de cooperación para o desenvolvemento, deuse conta do Pleno nº114 do Comité das Rexións de Bruxelas, e dos días mundiais do Hábitat, das Cidades e para a Erradicación da Pobreza.