Máis de corenta orixinais compiten na XXXIV edición do premio de novela «Blanco Amor»
Máis de corenta novelas veñen de presentarse á XXXIV edición do premio de novela longa «Eduardo Blanco-Amor». O premio, que organiza a Deputación de Ourense, está dotado con 12.000€ e amosa o compromiso da institución provincial coa difusión e posta en valor da figura de Blanco-Amor, o autor que inmortalizou Auria na súa obra.
No pasado ano 2014, cando se cumprían 35 anos do pasamento de Blanco-Amor, a Deputación asumiu o compromiso de exaltar a figura deste autor, un dos persoeiros clave non só da literatura galega senón universal, polo que, entre outras accións, decidiuse asumir a organización deste premio literario, e a creación dunha fundación co nome do escritor para a difusión e valorización da súa obra.
O premio de novela longa «Eduardo Blanco-Amor”, que se creou coma iniciativa do Concello de Redondela no ano 1981 e que, nesta ocasión, está organizado pola Deputación de Ourense, agasallará ao autor da obra premiada, ademais de coa cantidade de 12.000€, cunha obra que o escultor ourensán Acisclo Manzano preparou para este premio.
O xurado encargado de fallar o premio está composto polos escritores, Luis González Tosar e Bieito Iglesias, a profesora Malores Villanueva e os críticos literarios Armando Requeixo e Francisco Martínez Bouzas, e reunirase, tal e como sinalan as bases da convocatoria deste certame, o día 27 de novembro, data na que se fará público perante os medios de comunicación o veredicto do xurado.
A entrega do premio levarase a cabo nun acto literario que se celebrará o día 1 de decembro, data na que se cumpren 36 anos do pasamento do autor, no que será unha xornada «blancoamoriana» que comezará coa clásica ofrenda floral diante da campa de Blanco-Amor organizada polo centro Pen de Galicia, e culminará coa entrega do premio.
Por outra banda, cómpre sinalar tamén que a Deputación está a traballar na edición facsimiliar da «Antología Popular» do padre Feijoo, antoloxía feita por Blanco-Amor e editada no ano 1966 polo Centro Gallego de Buenos Aires.