A Xunta de Goberno da Deputación de Ourense aproba axudas por valor de 145.681 euros para infraestruturas e deporte da provincia
A Xunta de Goberno da Deputación de Ourense celebrada esta mañá no Pazo Provincial aprobou axudas por valor de 145.681 euros para os ámbitos de infraestruturas e deporte da provincia de Ourense. En concreto, aprobou por un importe total de 59.681 euros, subvencións a concellos e mancomunidades de municipios para a organización de actividades físico-deportivas 2015. Así o informou esta mañá a deputada de Transparencia e Goberno Aberto da Deputación de Ourense, Montserrat Lama, quen deu conta dos acordos da Xunta de Goberno correspondente ao venres 23 de outubro.
A Xunta de Goberno aprobou a subscrición dun convenio de colaboración entre a Confederación Hidrográfica do Miño-Sil, a Deputación de Ourense e o Concello de Leiro, para obras de reparación da pasarela colgante de Leiro polo que a Deputación de Ourense achegará 60.000 euros,a CHMS aporta 100.000 euros e o Concello de Leiro 150.000 euros. Outra das cuestións tratadas na Xunta de Goberno foi a aprobación dunha axuda por importe de 14.000 euros a favor do Concello de Larouco para arranxos de electricidade e outra axuda por valor de 12.000 euros para o Concello de Vilar de Santos para adecuación dunha vía no polígono industria. Asemade aprobouse a programación anual da Escola de Artes e Oficios correspondente ó curso 2016.