Mellora de infraestruturas municipais no Concello de Parada de Sil

O CONCELLO DE PARADA DE SIL MELLORA INFRAESTRUTURAS MUNICIPAIS GRAZAS AS AXUDAS DE MÁIS DE 80.000 EUROS DA VICEPRESIDENCIA

  • As obras se están a executar ao abeiro do Fondo de Compensación Ambiental e de dous convenios de cooperación
  • As actuacións consisten no abastecemento a Forcas, a reparación do pavimento de varias rúas e na construción dun módulo de aseos e recepción de visitantes no entorno do Mosteiro de Santa Cristina
  • O delegado territorial da Xunta en Ourense, Rogelio Martínez, supervisou hoxe o desenvolvemento dos traballos
Obras Parada de Sil

Obras Parada de Sil

O delegado territorial da Xunta en Ourense, Rogelio Martínez, achegouse hoxe ata o concello de Parada de Sil para visitar  xunto a súa alcaldesa, Yolanda Jácome, algunhas das últimas actuacións realizadas no concello ao abeiro das axudas da Vicepresidencia.  En concreto, este municipio ourensán recibiu este ano máis de 80.000 euros procedentes de distintas liñas de axudas do seu departamento, como son o Fondo de Compensación Ambiental e os convenios de cooperación asinados grazas ao saldo de crédito que quedou tras resolver unha orde de subvencións da Vicepresidencia para a creación e/ou mellora das infraestruturas, dotacións, instalacións e equipamentos vinculados á prestación de servizos municipais destinadas a concellos galegos en 2015.

A través destes convenios de cooperación a Xunta investiu preto de 60.000 euros para levar a cabo dúas actuacións: reparación dos pavimentos de rúas nos núcleos de poboación de Caxide, Forcas e Pradomao e a construción duns módulos de aseos e recepción de visitantes no entorno do Mosteiro de Santa Cristina de Rivas de Sil.

Rogelio Martínez referíndose a esta última intervención destacou que “a masiva afluencia de visitantes ao mosteiro e a igrexa, cifrada en 17.000 persoas ao ano, obrigou a ter que construír uns áseos públicos na súa contorna protexendo e respectando a súa riqueza monumental”. Así a alcaldesa explicou que a construción executouse tendo en conta as normas e recomendacións dos técnicos da Comisión provincial de Patrimonio.

Pola súa banda, destináronse 20.000 euros a mellorar a capa de rodadura das rúas de varios núcleos do concello, que sufrían unha importante deterioración e presentaban numerosas fochas no firme.

Ambas as dúas subvencións están cofinanciadas polo Fondo Europeo Agrícola de Desenvolvemento Rural (FEADER) no marco do Programa de Desenvolvemento Rural de Galicia, que ten entre as súas prioridades “a mellora da calidade de vida nas zonas rurais”.

Fondo de Compensación Ambiental

Ademais, Parada de Sil tamén foi beneficiario dun importante investimento ao abeiro doutra das ordes que a Vicepresidencia da Xunta pon a disposición dos concellos galegos cada ano: o Fondo de Compensación Ambiental. Así, conseguiu que a Xunta lle concedera 23.000 euros para o abastecemento a Forcas e mantemento, conservación da rede de auga e saneamento.

O Fondo que procede do canon eólico beneficia dende hai xa seis anos aos concellos galegos que teñen explotacións eólicas, e a seus cidadáns, xa que subvencionan investimentos relacionados coa mellora do entorno e a conservación do medio ambiente. Ademais, o Fondo contribúe ao reequilibrio territorial, xa que a meirande parte dos beneficiarios son concellos do interior e pequenos, como é o caso de Parada de Sil.

También te podría gustar...