Estrea da remodelada Praza de Alcatruz de Maceda

O CONCELLO OURENSÁN DE MACEDA ESTREA A REMODELADA PRAZA DE ALCATRUZ GRAZAS A UNHA SUBVENCIÓN DE 38 MIL EUROS DA VICEPRESIDENCIA.

  • O delegado territorial da Xunta, Rogelio Martínez, visitou as obras levadas a cabo grazas á Orde de infraestruturas de uso público
  • Estas subvencións, cofinanciadas polo Fondo Europeo Agrícola de Desenvolvemento Rural, permiten realizar actuacións benefician directamente aos veciños e demostran as vantaxes da colaboración entre administracións
Praza Maceda

Praza Maceda

O delegado territorial da Xunta en Ourense, Rogelio Martínez, e o alcalde de Maceda, Rubén Quintas, visitaron onte as obras levadas a cabo neste concello ourensán  ao abeiro das axudas da Orde de infraestruturas de uso público da Vicepresidencia da Xunta.

Concretamente, trátase do acondicionamento e remodelación da praza de Alcatruz, un espazo público que articula a vida no centro da vila de Maceda e que nos últimos tempos estaba a sufrir unha importante deterioración.  Así, instalouse unha nova pavimentación, acondicionáronse dúas zonas para axardinamento e prantación de árbores, colocáronse bancos e mellorouse a iluminación. O obxectivo desta intervención foi recuperar este espazo degradado e poñelo en valor, para así fomentar a recuperación urbana e social do municipio.

Segundo palabras do delegado territorial, grazas á orde de infraestruturas, dende a Xunta estase a apoiar aos concellos galegos para financiar infraestruturas de uso público, como instalacións deportivas, prazas, paseos, parques infantís ou dependencias municipais onde se presten servizos administrativos. Estas axudas permiten levar a cabo actuacións que benefician directamente aos cidadáns, e que contribúen decisivamente á mellora da súa calidade de vida, e demostran as vantaxes da colaboración entre administracións. Neste caso concreto a Xunta e o Concello aunaron esforzos para facer fronte aos máis de 57.000 euros que custou a intervención. O departamento autonómico achegou 38.000 euros.

Orde de infraestruturas

A Orde de Infraestruturas de uso público é unha ferramenta que o Goberno galego pon á disposición dos concellos para financiar infraestruturas que beneficien directamente aos seus veciños. O ano pasado beneficiáronse destas axudas máis de 70 concellos a través de diversos proxectos.

A contía para este ano ampliouse ata os preto de oito millóns de euros, cofinanciados polo Fondo Europeo Agrícola de Desenvolvemento Rural (Feader), o que representa a aposta da Xunta polo rural galego, apoiando ás entidades locais no financiamento de proxectos esenciais para incentivar o asentamento de poboación no rural.

También te podría gustar...