1.500 trampas e líquido para a loita contra a vespa velutina
Medio Rural e Mar reparte aos apicultores outras 1.500 trampas e líquido atraente para a loita contra a vespa velutina.
- Esta entrega súmase ás 1.300 trampas que xa se repartiron nesta primavera, onde se capturaron unhas 3.000 raíñas
- O obxectivo deste trampeo é a captura de raíñas no outono, evitando a formación de novos niños ao ano seguinte
- A Consellería do Medio Rural e do Mar está a tramitar o pago das axudas á apicultura, correspondentes á anualidade 2015, por un montante de 397.500 euros
Consellería do Medio Rural e do Mar comezou a distribuír 1.500 trampas comerciais e botes de líquido atraente aos apicultores con asentamentos apícolas localizados en concellos nos que se detectaron niños desta especie invasora. A cantidade de trampas a distribuír a cada apicultor depende do número de colmeas que posúan.
A finalidade desta medida é intensificar o vixente programa de control da vespa velutina coa colocación de trampas para a captura de raíñas no outono, momento no que estas se sitúan fóra do niño ata a época de hibernación. Deste xeito, cada raíña fundadora capturada podería significar un niño menos no entorno na tempada seguinte. As experiencias na loita fronte á vespa velutina sinalan que a colocación de trampas no entorno dos colmeares presenta unha alta eficacia na captura das raíñas.
Na primavera de 2015 o departamento que dirixe Rosa Quintana xa realizou o reparto doutras 1.300 trampas –en concellos nos que se detectaran niños no ano 2014–, destinadas tamén á captura de exemplares de raíñas fundadoras. O balance de capturas ao final dese período foi de 3.000 exemplares, o que significou outros tantos niños activos menos nesta tempada.
O actual reparto de trampas realizarase aos apicultores dos concellos nos que non se entregaron trampas en primavera, posto que naqueles asentamentos apícolas para os que a Consellería xa entregou anteriormente trampas ao comezo do ano, os apicultores poden seguir utilizándoas mediante o uso de atraentes caseiros. A entrega de trampas e botes de líquido atraente comezou esta semana, realizándose a través das Oficinas Agrarias Comarcais.
Plan de vixilancia e control
Para minimizar os efectos desta vespa, a Xunta desenvolve un Plan de vixilancia e control que inclúe, ademais destas medidas, a colocación de trampas para detectar a evolución da difusión do insecto no territorio e a localización de niños para a súa eliminación. A través deste plan, localizáronse ao longo de 2014 máis de 900 niños da vespa. No que vai de ano, xa foron eliminados ou neutralizados máis de 1.800 niños, o que supón unha importante axuda no control deste insecto.
Axudas á apicultura
En relación a este sector, a Consellería do Medio Rural e do Mar está a tramitar o pago das axudas á apicultura, correspondentes á anualidade 2015, por un montante de 397.500 euros. Esta axuda está cofinanciada nun 50% por fondos comunitarios, nun 25% por fondos do Ministerio de Agricultura, Alimentación e Medio Ambiente e o resto por fondos propios da Consellería.
Deste xeito, o departamento que dirixe Rosa Quintana continúa a apoiar aos titulares de explotacións apícolas de cara a acadar a profesionalización do sector, mellorar os sistemas de produción e comercialización, progresar na situación sanitaria dos colmeares e ofrecer un produto de calidade aos consumidores.
A través deste tipo de subvencións finánciase a asistencia técnica aos apicultores, apóiase a contratación de técnicos e especialistas, a organización de cursos e xornadas ou a realización de sistemas de divulgación técnica, tales como folletos, catálogos e outras publicacións.
No que atinxe á loita contra a varroase, subvenciónase a adquisición de tratamentos contra esta doenza, así como a sobrealimentación das colmeas, renovación de cera mediante a adquisición de láminas de cera e a adquisición de fondos sanitarios.
En relación coa transhumancia, poden ser obxecto destas axudas a adquisición de material para a identificación de colmeas e cadros, a adquisición de medios de transporte e manexo de colmeas, a mellora e acondicionamento de asentamentos, camiños e sendas, así como a subscrición de seguros de danos propios e responsabilidade civil das colmeas.