O Cancro do Bierzo IV
Tralas mobilizacións levadas a cabo no mes de maio de 2011, cunha manifestación ao remate do mesmo que acadou a concurrencia dunhas 8.000 persoas na rúa, o Presidente da rexión – J. Vicente Herrera – veuse obrigado a amosar a súa postura e a do seu executivo respecto ao tema da incineración. E por iso declarou: “Se nalgún intre tivese que elixir entre a agricultura do Bierzo ou unha planta cementeira téñoo moi claro: a miña decisión sempre sería a prol das denominacións de orixe e de calidade. Mais, así e todo, as empresas que compoñen a padroal do cemento non se deron por vencidas por este atranco que se produciu insospeitadamente.
En concreto, a compañía brasileira Votorantim, na súa sede de Toural dos Vados, programou e adaptou unha campaña moi ben deseñada, dirixida a colectivos e persoeiros locais, por mor de pregoar tódalas ventaxes que, ao seu entender, tiña a “valorización” de calquera clase de residuos e refugallos. Engadían, en conclusión, que ademais é o mellor que se pode facer para favorecer o medio ambiente e que a repercusión indesexable destas práticas na natureza é nula.
Por outra banda, logo de celebrados os comicios locais e autonómicos, as asociacións ecoloxistas bercianas procederon a intensificar as súas actuacións decatándose de que a loita aínda sería moi longa e difícil de gañar aos intereses do capital privado: recollida de sinaturas, actos de difusión e xornadas divulgativas,…
Mentres tanto, a Xunta de Castela e León tentou aprobar un Plan de Residuos ao obxecto de axudar a agochar as pretensións do “lobby” de fabricación dos produtos da construción.
A pesar de todo a Administración autonómica, precisamente o Conselleiro leonés Silván, estaba decidido a autorizar o emprego da biomasa como combustible na antiga cementeira Cosmos. Ante tal determinación “Salvemos O Bierzo” quixo acordar co resto de contendentes que, se se facían servir as aportacións forestais, fose en troques de esquecer para sempre o uso doutros materiais: fariñas animais, neumáticos, plásticos,…
Todo o antedito enmarcábase nunha estratexia que pulaba polas enerxías renovábeis e limpas, en contra da política de apoio e reforzo do consumo de carbón e da anunciada apertura da central nuclear burgalesa de Garoña (pechada por razóns técnicas e agardando a súa nova posta en funcionamento despois de arranxarense os posibles problemas e feitas as necesarias adaptacións). Non cómpre nin dicir que Cosmos non aceptou nin repostou á oferta.
Tamén proseguiu a sucesión dunha morea de adhesións de diversos Concellos; porén, o de Ponferrada mantívose á marxe.
Nos anos 2012 e 2013 unha delegación berciana acudiu ás III e IV Xuntanzas da Plataforma en contra da Incineración de España, na que se atopaba acollida.
Na IV, que se desenvolveu na localidade navarra de Alsasúa, declarouse taxativamente o seguinte (entre moitos outros argumentarios):
“A incineración é a maneira máis insustentable e perigosa das que existen no tratamento dos residuos”, subliñaban dende a coordinadora. Neste senso, sinalaron que “xera emisións que causan prexuízos graves á saúde das persoas, animais e mailas prantas, a cualidade do aire e, asemade, da auga. Perante elas non temos nungún xeito de nos protexer con seguridade.”
Noutro canto, van denunciar que “estase a xeneralizar a produción de preparados e mesturas provenientes de residuos ao fin de seren queimados nas plantas cementeiras que, por estritos intereses propios e egoístas e coa colaboración das administracións, están xa a substituír as plantas de valorización enerxética contidas nos plans integrais de residuos”. Neste fío de xustificacións, afirmouse que xa se está a contemplar un Plan Integral de Xestión de Residuos en Valencia.
Polo tanto, esixiuse aos poderes públicos que non concedan autorizacións que “convirtan as cementeiras nos xestores finalistas e concluíntes dos residuos” e que, ao contrario, invistan en modelos novidosos e alternativos baseados na regra consensuada e contida nas 3 R: a redución, a reutilización e a reciclaxe. “Avogamos por sistemas máis respectuosos coa saúde humana, a contorna natural e, lóxicamente, que vaian cara a outras formas varias de desenvolvemento que creen emprego en lugar de destruílo, que é nin máis nin menos o que acontece nas cementeiras”, procuraron poñer en evidencia.
Noutra orde de cousas, fixeron un chamamento á cidadanía pregando que se organice e non vote a formacións políticas que defendan a incineración, salientando a relevancia da unidade de acción e comportamentos: “É, en realidade, un movemento universal diante dun problema común que só se pode atallar mediante solucións globais.”
E, nesas precisas xeiras, a multinacional portuguesa Cimpor recibiu “o visto e praze” que lle permitía a queima controlada de madeira e restos de poda e outros compoñentes da “biomasa”.
Xa creada coma Asociación legalizada “Bierzo Aire Limpo” requeriu da cementeira Cosmos que se definise no aspecto decisivo de se seguir a empregar os materiais que fai servir habitualmente como combustibles ou, no caso oposto, sobre a aceptación dunha comisión de peritos que axeiten un estudo serio, rigoroso e independente que recolla os efectos da incineración na comarca do Bierzo e, antes que nada, sobre a cualidade do aire que se respira.
A Plataforma advirte publicamente que porá en coñecemento dos tribunais calquera tentativa co gallo de autorizar a incineración cá Xunta de Castela e León xa ten rexeitado expresamente noutras datas xa pasadas.
Enfronte do enésimo anuncio de Cementos Cosmos de que pretende solicitar a autorización coa finalidade de queimar residuos diversos na Cementeira da que dispón en Toural dos Vaos, a Plataforma Bierzo Aire Limpo reclama, da mesma maneira que xa aconteceu perante a Xunta de Castela e León, que Cementos Cosmos amose con parámetros científicos as afirmacións que vén mantendo.
Aínda que cómpre ter por certo que a valorización de residuos conleva riscos ou – pola contra – convén proclama-la como ambientalmente aconsellable, Bierzo Aire Limpo desafía a Cementos Cosmos propoñéndolle que se adique a elaborar un estudo específico e independente que se refira á calidade do aire no Bierzo e que tamén recolla o comportamento das pegadas futuras que as novas emisións que tenta lanzar á atmosfera pensa o prevese que vai comportar. Neste estudo cómpre que se calcule ou fixe o volume de metais pesados, de hidrocarburos aromáticos policíclicos (HAP´s), dos niveis actuais de dióxido de xofre e máis do ozono, do grau de partículas en suspensión a contemplar e, asemade, que se comprobe o posible rebasamento dos valores que se establecen como limiares máximos ao respecto da actividade proposta.
Bierzo Aire Limpo estaba daquela a piques de solicitar á Xunta de Castela e León que se lle remitise unha copia da documentación achegada por Cementos Cosmo para podela analizar. E, por riba de todo, resulta que a empresa non ten realizado aínda unha avaliación científica, rigorosa e independente relativa ao impacto do seu proxecto sobre o sector produtivo agrícola e gandeiro da nosa contorna, polo que coidamos que ten que ser moi negativo.
Tampouco a empresa concretou a proporción na que se pretenden utilizar os residuos no procedemento fabril: non é o mesmo empregar un 60% de madeira e derivados do forestal que queimar idéntica porcentaxe de plásticos e mailas rodas.
Tendo en conta os precedentes argumentos convocouse deseguido unha concentración perante a Delegación do Goberno autonómico en Ponferrada. O feito non pasou inadvertido e os xornais reflectírono polo miúdo:
“Cadea humana contra o Plan de residuos da Xunta”, «Medio milleiro de persoas encadéanse ao redor da Xunta para protestar contra a incineración en Cosmos», «Medio milleiro de persoas debuxan unha cadea humana contra a incineración»,»Compoñen unha cadea humana para protestar contra o Plan de Residuos da Xunta», «Medio milleiro de persoas describen unha cadea humana co fin de reclamar a retirada do Plan Integral de Residuos», «Cadea humana contra a incineración de residuos no Bierzo», «Medio milleiro de persoas conforman unha cadea humana contra a incineración», «Medio milleiro de persoas amosan o seu rexeitamento respecto da incineración en Cosmos»,
«Maís de seis centos de manifestantes rodean a Xunta para apupar a Silván ao berro: no Bierzo non se queima!», Medio milleiro de persoas «fan unha aperta simbólica» semellando ao seu pedido de retirada do Plano de Residuos da Xunta co obxecto de evitar a coincineración en Cosmos», entre outros, eran os unámines titulares.
Máis adiante enterámonos dunha sentenza dada polo T. S. X. da Comunidade que axudaba dabondo aos nosos intereses conservacionistas:
A sentenza do T. S. X., a cal aínda podería recorrerse perante o Tribunal Supremo, pronúnciase no senso de que os recorrentes van subliñar, remarcar e salientar cos seus informes periciais “o ligame estreito entre as emisións gasosas e os residuos sólidos empregados nas plantas de incineración mailos seus efeitos prexudiciais que atinxen á saúde humana e tamén a súa repercusión negativa en xeral para tódalas producións agrícolas, gandeiras e naturais na contorna contemplada, nomeadamente nas viñas e nas prantacións froiteiras, coa correspondente mingua na demanda deses produtos que levaría, no seu caso, aparellada”.
Marcelino B. Taboada
Galería: