O Centro de Cultura “Xaquín Lorenzo” inicia as actividades do Obradoiro de Xogos Populares para escolares da provincia
- Os interesados en participar deberán cubrir a ficha de inscrición e presentala en rexistro da Deputación de Ourense ata o 16 de outubro
O Centro de Cultura Popular “Xaquín Lorenzo” da Deputación de Ourense oferta aos centros educativos públicos da provincia o XI Obradoiro de Xogos Populares correspondente ao curso 2015-2016. Tras o éxito acadado en edicións anteriores, atendendo as enquisas e as valoracións dos centros participantes, un ano máis volven os xogos populares cos obxectivos de fomentar aspectos da nosa cultura e etnografía entre os máis cativos e promocionar a lingua galega, introducindo xogos característicos dentro do centro de ensino.
Os interesados teñen que cubrir a ficha de inscrición e presentala no rexistro da Deputación de Ourense, tendo de prazo ata o 16 de outubro.
O obradoiro presenta unha ampla diversidade de xogos, un total de 10 sesións entre as que se atopan: a porca e o pino, a billarda, os zancos e aros ou peóns, pillas, o cazador, o pano do río e o chourizo envelenado, e xogos de mesa: mentirán e muíño; bolos e birolla; enredos: xoguetes e inxenios musicais; xogos bailados; tabas e xogos de ritmo; rá, chavelo e chave.
Os centros deberán escoller dúas das dez sesións ofertadas que terán unha duración aproximada dunha hora e que se desenvolverá en horario lectivo ao longo de todo o curso entre finais de novembro e principios de maio, a escoller a data polo centro. As sesións desenvolveranse en presenza dun docente para que posteriormente, ao seu remate, os participantes sexan avaliados por el.
Na pasada edición foron 55 os centros de ensino público da provincia que se inscribiron neste obradoiro, participando un total de 1.887 nenos e nenas, chegando os xogos populares a máis da metade do territorio da provincia.