“A exposición sobre o COB é unha homenaxe a toda a xente que fixo posible o ascenso, situando a Ourense noutra dimensión deportiva, social e económica” Manuel Baltar
- O presidente do goberno provincial participou hoxe na inauguración da mostra, organizada polo xornal La Región, que se exhibe na rúa do Paseo para poñer en valor o ascenso do equipo á ACB
O presidente da Deputación de Ourense, Manuel Baltar, participou hoxe na rúa do Paseo de Ourense na inauguración da exposición “Somos unha cidade de Basquet”, organizada polo xornal La Región para poñer en valor o ascenso do COB á ACB e recoñecer o apoio da cidadanía ao equipo. Xunto a Manuel Baltar, no acto participaron tamén o alcalde de Ourense, Jesús Vázquez, e o director de La Región, Sechu Pastoriza.
O presidente do goberno provincial dixo que as imaxes e portadas do xornal que se exhiben nesta mostra “reflicten non só un ascenso deportivo senón unha nova dimensión na que se sitúan a cidade e a provincia nos ámbitos social, cultural e económico co ascenso do COB, algo que nos merecemos porque sen o apoio da xente non sería posible celebrar esta nova etapa”, e engadiu que esta iniciativa “supón unha homenaxe que eu agradezo ao grupo de comunicación La Región porque o acadado polo COB é un logro para recordalo e vivilo intensamente, tendo en conta ademais que é o único club que ten garantida na tempada 2016-2017 a súa presencia na ACB, algo que non pode dicir ningún outro equipo de España”.
Manuel Baltar subliñou que iso “é crer en Ourense, unha provincia ambiciosa de seu, coa que a Deputación está e seguirá estando, e para min, que vivín o COB desde dentro, é un motivo emocionalmente máis que importante. Saudamos a súa presenza na alta competición e animamos a toda a xente que estivo apoiando a tope ao club a que o siga facendo nesta vindeira tempada, porque Ourense estará con forza e garra pisando duro na alta competición, pois o COB non é novato, esta será a terceira vez que estea na ACB, e agardamos que sexa o inicio dunha época de estabilidade no cumio do baloncesto nacional”.
Pola súa banda, o alcalde de Ourense destacou que o ascenso do COB “supuxo un revulsivo e un motivo ilusión, porque como cidade necesitamos ese sentimento de pertenza que vai asociado, entre outros aspectos, ao COB”, e convidou á cidadanía a que visite a exposición “para lembrar eses momentos de ledicia que estou seguro se repetirán”.
O director de La Región, Sechu Pastoriza, dixo que a mostra “é unha homenaxe a unha provincia e unha cidade que merece estar na elite do deporte, do baloncesto, como é o caso, pero tamén na elite doutros moitos ámbitos aínda non ben explorados nin recoñecidos”. “Pretendemos que esta mostra sirva para amosarnos que podemos pelexar polos soños e conseguir que se cumpran”.