Economía, cultura, transparencia e infraestruturas, temas das primeiras comisións informativas do período 2015-2019
- Trataranse os Orzamentos de 2016, o Plan Provincial de Obras, a participación en MEISA, a modificación de tarifas no aparcadoiro anexo ao CHUOU, a RPT 2016 e o convenio de cooperación deputación-concellos en materia de transparencia.
As primeiras comisións informativas da Deputación de Ourense do período 2015-2019 celebran as súas reunións hoxe mércores e mañá no Pazo Provincial, xuntanzas nas que analizarán temas de economía, cultura, transparencia e infraestruturas. En concreto, entre os asuntos figuran os Orzamentos de 2016, a aprobación das bases para a elaboración e execución do Plan provincial de cooperación ás obras e servizos municipais e da rede viaria provincial, a dación de conta do decreto relativo ao préstamo participativo a favor de MEISA, a modificación de tarifas no aparcadoiro anexo ao CHUOU, a RPT 2016 e o convenio de cooperación entre a deputación e os concellos en materia de transparencia.
Mañá xoves constitúense as comisións de Cultura, Termalismo e Igualdade. En concreto, na de Cultura darse conta da aprobación por parte da Xunta de Goberno da programación anual e prezos públicos para o curso 2015-2016 da Escola de Gaitas e da Escola de Danza da Deputación de Ourense, e tamén da fixación de prezos das publicacións que editará a Deputación.
Hoxe, na comisión de Transparencia e Administración Provincial abordarse a proposta de adhesión da Deputación de Ourense como socio titular á Rede de entidades locais para a transparencia e participación cidadá da Federación Española de Municipios e Provincias, e tamén se proporá a aprobación inicial da Relación de Postos de Traballo (RPT) 2016 do persoal da Deputación de Ourense, segundo a proposta da Presidencia de data 10 de setembro de 2015. Nesta comisión analizarase, asemade, o convenio marco de cooperación entre a Deputación de Ourense e as entidades locais da provincia en materia de transparencia e acceso á información pública. Esta iniciativa ten a súa razón de ser ante a insuficiencia de medios que padecen a maioría das entidades locais da provincia para dar un axeitado cumprimento ás obrigas en materia de transparencia da actividade pública e a regulación do dereito de acceso á información pública.
Por elo estímase necesario que por parte da Deputación de Ourense se leve a cabo unha acción integral de asistencia ás entidades locais e a posta a disposición de todas elas, de xeito gratuíto, dun portal específico de transparencia onde publicar a información esixida pola Lei, e tamén de prestar asistencia técnica para a determinación, tratamento e estruturación da información municipal de publicación obrigatoria, de xeito que poida ser publicada de maneira sistemática, accesible e comprensible.
Por outra banda, na comisión de Cooperación darse conta do decreto da Presidencia de delegación en Pablo Pérez Pérez, deputado delegado da Área de Cooperación e seguimento do mandato 2015-2019, de todas as facultades de representación da deputación no Consorcio de Augas de Valdeorras; e na comisión Especial de Contas tratarase a modificación das tarifas do servizo de aparcamento en rotación horaria da concesión do aparcadoiro anexo ao Hospital Santa María Nai (CHUOU).