A Amtega achega aos a profesionais TIC e do terceiro sector formación práctica sobre o xestor de contidos Drupal
O Centro Demostrador TIC, que xestiona a Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (Amtega), acolle os días 15 e 22 de setembro dúas sesión formativas que levan por título “Desenvolvemento de portais web con Drupal: nivel básico” (https://cdtic.xunta.es/webs-drupal-basico) e “Desenvolvemento de portais web con Drupal: nivel avanzado” (https://cdtic.xunta.es/webs-drupal-avanzado), respectivamente, que se desenvolverán en horario de 10.00 a 14.00 horas e de 15.30 a 18.30.
Na primeira das sesións, de nivel básico, as persoas asistentes coñecerán os fundamentos de Drupal e aprenderán a crear e a xestionar unha páxina web utilizando este sistema de xestión de contidos. Na segunda das sesións, de nivel avanzado, afondarán na utilización e configuración de Drupal con características avanzadas do sistema, prestando especial atención á seguridade, rendemento e escalabilidade de portais web.
Os principais destinatarios desta actividade son os profesionais TIC e os responsables de xestionar as webs de entidades do terceiro sector ou empresas que queiran crear unha páxina web en Drupal ou ben xa administran unha e desexan afondar na súa utilización e na incorporación de máis funcións. Alberto Permuy, arquitecto especialista de Drupal, será o encargado de impartir os seminarios.
Dado que as prazas son limitadas, para participar nesta xornada cómpre inscribirse na web do CDTIC (https://cdtic.xunta.es/). A asistencia é de balde e aínda é posible anotarse, xa que as prazas, polo momento, non están cubertas.