A Amtega, en colaboración coa Rede Galega contra a Pobreza, organiza un ciclo formativo de solucións libres para o terceiro sector

AmtegaA Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (Amtega), en colaboración coa Rede Galega contra a Pobreza, organiza un ciclo formativo sobre diferentes solucións libres orientadas ás entidades do terceiro sector. Este ciclo consta dun total de 35 horas de formación repartidas en 6 obradoiros prácticos sobre diferentes solucións libres, 2 obradoiros de desenvolvemento sobre o xestor de contidos Drupal e unha xornada final de presentación de experiencias de uso de software libre no terceiro sector.

O obxectivo desta iniciativa é achegar as posibilidades que ofrece o software libre ao terceiro sector, dun modo práctico a través da presentación de casos de éxito. Así exporanse solucións para a creación de portais webs, para a participación colaborativa a través da web, para a compartición de ficheiros na nube, para a xestión de asociados e captación de fondos e falarase sobre a importancia dos datos xeográficos libres para as actuacións sobre o terreo.

Programa
As actividades formativas celebrarase nas instalacións do Centro Demostrador TIC (DTIC) durante as tardes de todos xoves dende o 10 de setembro ao 15 de outubro en horario de 17:00 a 20:30, e os martes 15 e 22 de setembro en horario de 10:00 a 14:00 horas e de 15:30 a 18:30 horas.

Os obradoiros dos xoves están dirixidos responsables, persoal e persoas voluntarias de asociacións ou entidades do terceiro sector interesados na implantación de ferramentas para a mellora tecnolóxica.

Os obradoiros dos martes sobre Desenvolvemento de portais web con Drupal, nivel básico e nivel avanzado, están dirixidos a persoal técnico de asociacións ou entidades do terceiro sector interesados no desenvolvemento de webs con este xestor de contidos.

Primeira Xornada
O ciclo arranca o día 10 de setembro co Obradoiro de Solucións de Software Libre para o Terceiro Sector, que pretende contribuír a incrementar o coñecemento do software libre, da súa ética e de casos de éxito de uso do mesmo, de forma que permita disipar os medos e vencer as resistencias que poidan estar freando a súa implantación e uso no terceiro sector.

O prazo de inscrición está xa aberto a través da web do CDTIC. https://cdtic.xunta.es/software-libre-asociacion Ademais poderá seguirse tamén a través das aulas da rede Cemit, para o cal só debe contactar coa súa aula máis próxima para indicar o seu interese en asistir.

Xornada de experiencias de uso de Software Libre para o Terceiro Sector
Finalmente, como colofón a este ciclo formativo, o xoves 22 de outubro celebrarase a xornada de difusión de experiencias de uso de software libre dirixida ás entidades do terceiro sector (ONG, ONGD, Asociacións, colectivos de voluntarios, etc)

Esta xornada ten por obxectivo achegar ás entidades do terceiro sector experiencias do propio sector de implantación e uso de solucións tic libres que lles permitan mellorar o xeito en que se xestionan, a súa operativa diaria e a súa organización. Ademais, busca tamén servir de punto de encontro para as entidades do terceiro sector no que poder compartir experiencias e boas prácticas no uso das TIC, particularmente con licencia libre.

También te podría gustar...