Preto de 1.000 comerciantes galegos benefícianse do programa da Xunta para impulsar o smart commerce e o comercio en liña
Preto de 1.000 comerciantes e artesáns galegos benefícianse das axudas por máis de 3 millóns de euros que vén de conceder a Consellería de Economía e Industria dentro do programa para impulsar o smart commerce e o comercio en liña, no cal obtiveron tamén apoios 5 federacións e asociacións do sector comercial e artesán.
Con estas axudas impulsaranse 450 proxectos de novos sistemas de comercialización e información ao consumidor que combinan o comercio on line e o off line; que implican a utilización das redes sociais para a venda ou que avanzan no desenvolvemento do m-commerce (comercio a través do móbil); complementando así a experiencia de compra presencial dos consumidores cos diferentes canais comerciais.
Ademais, cos apoios que vén de conceder a Consellería de Economía e Industria desenvolveranse preto de 400 iniciativas centradas na implantación de ferramentas que melloran a xestión do negocio e o deseño dos seus produtos ou no desenvolvemento e implantación de novos sistemas de packaging e etiquetado; así como no desenvolvemento de novos produtos. Por outra banda, promoveranse máis de 1.000 proxectos centrados no acondicionamento de locais comercial e na mellora da imaxe exterior e a adquisición de moblaxe e equipamento.
Coa posta en marcha deste programa avánzase no establecemento do smart commerce, un novo modelo de comercio intelixente que sitúa o cliente no centro da súa estratexia, ámbito no que se centra o segundo dos retos do novo Plan estratéxico de impulso ao Comercio de Galicia. Así, neste segundo eixo apóstase por incrementar a innovación no sector como un dos factores clave para mellorar a súa posición competitiva, impulsando as vendas en internet e novas fórmulas de comercialización dos produtos, así como de mellora do seu deseño e presentación.
Precisamente entre os obxectivos que se fixan no novo Plan, que destina 70 millóns de euros ata 2020 a modernizar e incrementar a competitividade do comercio de proximidade galego, está triplicar a porcentaxe de empresas de menos de 10 traballadores que venden na internet, alcanzando o 14 %. Tamén se busca incrementar nun 15 % os emprendedores que traballan no sector, ata chegar aos 60.800 en 2020; e aumentar nun 10 % o número de comercios que se asocian para competir, chegando ata os 20.000.
Dinamización comercial
Por outra banda, no eido do impulso ao asociacionismo, a Consellería de Economía e Industria tamén vén de resolver apoios por máis de 500.000 euros a un total de 19 federacións de comerciantes e asociacións de ámbito superior ao municipal, ás que se lles conceden tíckets de dinamización que os beneficiados empregarán no desenvolvemento de actuacións de impulso da demanda comercial, así como iniciativas encamiñadas á promoción das vendas, e aquelas relacionadas co incremento da actividade comercial, alcanzando a axuda ata o 70% dos investimentos a realizar.
Contribúese así ao terceiro dos grandes retos que se fixa o Plan estratéxico de impulso ao comercio de Galicia: a potenciación do comercio excelente, traballando na dinamización comercial e a mellora continua do servizo.