A Consellería de Cultura e Educación incrementa a oferta de 30 cursos de lingua preparatorios das probas para obter os certificados de lingua galega (Celga)
A Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria publica hoxe no Diario Oficial de Galicia (DOG) a convocatoria dun total de 30 cursos de lingua galega preparatorios para a obtención dos certificados Celga 2, Celga 3 e Celga 4 – o Celga 1 impártese en modalidade en liña-. Os obxectivos desta actividade son osde garantir á poboación adulta coñecemento e o dominio da lingua propia de Galicia e complementar a oferta formativa en entidades de poboación nas que centros dependentes da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria imparten formación para persoas adultas.
A oferta das EOI nas cidades de Galicia determina que máis do 93% destes cursos realizaranse en localidades de tamaño medio ou pequeno, e só dous deles en grandes cidades (A Coruña e Lugo).
Cada curso impartirase dende o 19 de outubro ata o 9 de decembro do 2015 e contará cunha duración de 70 horas lectivas, distribuídas en sesións de dúas horas diarias. Un máximo de 30 prazas e un mínimo de 15 conformarán cada sesión formativa, en caso de que conten cun maior número de solicitantes que de sitios dispoñibles, a asignación farase por orde de entrada e en caso de que varias solicitudes entren o mesmo tempo, utilizarase o criterio de orde alfabética.
Esta formación compleméntase coa oferta de 44 cursos de linguaxe administrativa galega e preparatorios do Celga nas distintas escolas oficiais de idiomas de Galicia; e mais cos cursos de linguas de especialidade que ten previsto impartir a Escola Galega de Administración Pública (EGAP).
Destinatarios, solicitudes e prazo
Poderán participar deles tódalas persoas maiores de dezaseis anos, ou aquelas que os cumpran no ano natural da convocatoria. Os cursos serán de balde e as solicitudes deberán presentarse preferiblemente por vía electrónica a través do formulario formalizado dispoñible no enderezo web sede.xunta.es e na páxina www.lingua.gal. O prazo de presentación será de 15 días hábiles, que se contarán a partir do día seguinte ao da súa publicaciónno DOG.
Unha vez rematado o prazo farase pública, na páxina www.lingua.gal, unha resolución provisional coas persoas admitidas e excluídas, xunto coa causa da súa exclusión, e unha listaxe coas persoas en agarda para cada curso e localidade. A resolución poderá consultarse no seguinte enderezo web: http://www.xunta.es/dog/Publicados/2015/20150821/AnuncioG0164-170815-0002_gl.html