A Agadic colabora coa Asociación Músicos ao Vivo para a celebración do primeiro festival Premios Martín Códax da Música
adicA Axencia Galega das Industrias Culturais (Agadic) da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria apoiará a Asociación Músicos ao Vivo no desenvolvemento da primeira edición do Festival Premios Martín Códax da Música que, segundo o convenio subscrito hoxe entre ambas as entidades, terá lugar os días 15, 16 e 17 de outubro en diferentes espazos de Santiago de Compostela.
A iniciativa, para a que se contará coas actuacións de artistas e grupos gañadores das anteriores edicións destes galardóns galegos da música, ten como prioridade dar conta do bo momento creativo que está a vivir a música de Galicia. Ao tempo, difundirase a convocatoria da que será a terceira edición do certame organizado por Músicos ao Vivo, que en breve presentará unha serie de novidades relativas ao calendario e aos requisitos para participar na convocatoria.
Concertos e encontros profesionais
Mediante o acordo asinado hoxe por Jacobo Sutil, director da Agadic, e Iria Pinheiro, presidenta de Músicos ao Vivo, a Consellería de Cultura e Educación reitera a súa colaboración na difusión dos Premios Martín Códax da Música a través de iniciativas encamiñadas a que sexan socialmente recoñecidos como os principais galardóns do sector musical galego. Con esta mesma finalidade e no caso do festival previsto para este outono, xunto coa programación de concertos, organizaranse encontros profesionais, coloquios e diferentes accións promocionais.
A devandita asociación puxo en marcha estes premios en 2013 co obxectivo de recoñecer a creación, a diversidade e a calidade artística das producións musicais galegas, así como o seu potencial como industria e motor económico. A través deles promóvese o traballo dos músicos galegos tanto dentro como fóra da nosa Comunidade, ademais de descubrir novos talentos e de lle achegar ao público a música e o seu proceso de produción.