Traballo convoca os ‘Premios RSE Galicia’ para recoñecer o labor das firmas no eido da responsabilidade social

Cabecera-Diario-Oficial-Galicia_EDIIMA20121201_0107_13A Consellería de Traballo e Benestar vén de convocar os ‘Premios RSE Galicia’ que recoñecerán publicamente a aquelas empresas galegas ou con centros de traballo en Galicia que nas súas políticas e sistemas de xestión implanten e poñan en funcionamento os principios e prácticas de responsabilidade social empresarial. O Diario Oficial de Galicia (DOG) publica hoxe as bases reguladoras destes galardóns que vén de crear a Consellería de Traballo e Benestar e que, polo tanto, celebraranse por primeira vez este ano. Terán un carácter honorífico e unha periodicidade anual.

O prazo de presentación de solicitudes rematará nun mes contado a partir de mañá.

Os galardóns carecerán de dotación económica, xa que se trata de recoñecer publicamente o labor que realizan as empresas que adoptan principios e prácticas de RSE. É unha maneira de difundir publicamente o esforzo que neste campo levan a cabo as empresas galegas nas comunidades onde desenvolven a súa actividade e ao mesmo tempo sensibilizar ao empresariado galego sobre a importancia de incorporar a RSE na súa xestión. O Goberno galego tamén pretende con esta iniciativa concienciar a opinión pública sobre a importancia desta forma de xestión empresarial.

Tres categorías e catro modalidades
Os ‘Premios RSE Galicia’ contarán con tres categorías segundo o tamaño da firma: pequena empresa para aquelas que conten ata con 50 persoas, inclusive; mediana empresa, máis de 50 e ata 250 traballadores e traballadoras, inclusive; e, por último, grande empresa para aquelas que ocupen a máis de 250 persoas.

O certame contará con catro modalidades ou recoñecementos: o ámbito social, o eido ambiental, económico e da conciliación laboral, familiar e persoal de da promoción da igualdade de xénero. O fomento da conciliación vai en consonancia co Plan de Dinamización Demográfica de Galicia 2013-2016, Horizonte 2020, que inclúe entre as súas medidas o fomento de actuacións de conciliación entre as pequenas e medianas empresas.

No eido social teranse en conta aspectos tales como a creación e calidade do emprego, a diversidade, igualdade, integración social, formación, acción social, compromiso coa comunidade local ou calquera outro que redunde neste ámbito. No eido ambiental premiarase o impacto ambiental que xera a empresa na súa actividade e no económico teranse en conta aspectos tales como a innovación, a calidade e a ética empresarial.

Por último, no recoñecemento no ámbito da conciliación laboral, familiar e persoal e da promoción da igualdade de xénero valoraranse as actuacións que faciliten no seu cadro de persoal a conciliación a través de medidas como a reorganización de tempos e espazos; recursos e estruturas para o coidado doutras persoas; medidas que posibiliten o seu desenvolvemento persoal; ou a modificación de roles entre mulleres e homes que fomenten a implicación de ambos coa familia, así como as accións para eliminar a discriminación por razón de xénero no ámbito da empresa.

Premiarase, polo tanto, ao proxecto, iniciativa ou medida acometida pola empresa para implantar e desenvolver o concepto de responsabilidade social, dentro das áreas de tipo social, ambiental e económica. Preténdese, así, resaltar, impulsar, recoñecer e promover iniciativas concretas que sirvan de exemplo para o tecido empresarial en Galicia e indispensables para o seu fortalecemento e adaptación aos novos contornos económicos.

Aos galardóns poderán optar as empresas públicas e privadas galegas que a través das súas políticas e sistemas de xestión desenvolvan actuacións responsables demostrando, así, o seu compromiso activo coa sociedade, sempre que cumpran os requisitos establecidos na orde de convocatoria. Non poderán optar aos premios as entidades sen ánimo de lucro.

Un xurado de profesionais
Estes premios serán outorgados no transcurso dun acto público. O fallo dos galardóns correrá a cargo dun xurado que estará composto por membros da Xunta, así como por representantes das organizacións empresarias e sindicais intersectoriais máis representativas de Galicia. Tamén formarán parte persoas expertas en materia de RSE.

A convocatoria destes premios está previsto no Plan Estratéxico Galego de Responsabilidade Social Empresarial (2012-2014), que ten entre os seus obxectivos fomentar a RSE para incrementar o número de empresas socialmente responsables.

Toda a información sobre este premios estará dispoñible na páxina da RSE da Xunta: http://rse.xunta.es.