A Xunta habilita un espazo no edificio da Audiencia Provincial de Ourense que servirá de arquivo dos xulgados ourensáns
O director xeral de Xustiza, Juan José Martín, e o delegado da Xunta en Ourense, Rogelio Martínez, visitaron hoxe a Audiencia Provincial, onde a Xunta habilitou uns espazos que servirán de sede do Arquivo Xudicial Territorial da Provincia de Ourense.
Tras o recente traslado dos xulgados ourensáns ao novo edificio xudicial da Rúa Velázquez, a maior parte da documentación destes xulgados quedou na sede da Audiencia Provincial, onde está a ser ordenada e reinstalada. Ademais, neste arquivo de carácter provincial depositaranse os expedientes xudiciais dos xulgados da provincia de Ourense, que unha vez gravados na aplicación de expurgo, estean á espera da decisión da Xunta de Expurgo sobre o seu destino.
O acondicionamento para o arquivo, iniciado nos depósitos da primeira planta do edificio, alcanza xa os 598 metros lineais de andeis, cunha capacidade de máis de 5.500 caixas, e está previsto que se amplíe nos próximos meses.
Ademais, tamén se está facendo un inventario de todos os fondos documentais existentes, que están a ser rexistrados nunha base de datos para a súa inmediata localización nos depósitos e para facilitar o préstamo aos órganos xudiciais que o necesiten, a través do uso de ferramentas informáticas.
Esta actuación enmárcase no Plan de organización dos arquivos xudiciais e expurgo da documentación xudicial que leva a cabo a Xunta de Galicia e cuxo punto de arranque tivo lugar en febreiro de 2013, coa constitución da Xunta de Expurgo da Documentación Xudicial.
Este plan pretende dar resposta á necesidade de desconxestionamento que padecen os arquivos xudiciais -unha situación endémica en todo o territorio nacional-
A Xunta de Expurgo aprobou recentemente a eliminación de 192.000 expedientes, de 34 órganos xudiciais de toda Galicia; entre os que se atopan a Audiencia Provincial e o Xulgado de Instrución nº 1 de Ourense e os Xulgados de primeira instancia e instrución do Carballiño.