50 concellos beneficiaranse da campaña de compostaxe doméstica deste ano

1 1 1 1 1 1 1 1 firma convenio Deputacin e Sogama

 

O presidente da Deputación de Ourense, Manuel Baltar e o presidente da Sociedade Galega de Medio Ambiente, Javier Domínguez Lino, asinaron esta mañá no Pazo Provincial, o convenio de cooperación para a realización da campaña de compostaxe doméstica 2015, na provincia de Ourense, en cincuenta municipios adheridos aos convenios de cooperación para a xestión delegada do servizo de recollida de RSU.

A firma deste convenio entre a Deputación de Ourense e Sogama supón, tal e como puxo de manifesto Manuel Baltar, «seguir apostando pola compostaxe doméstica, e sobre todo, por campañas de concienciación medioambiental».

O obxectivo desta campaña é formar e informar sobre a reciclaxe doméstica da materia orgánica ademais de servir de promoción e fomento de boas prácticas medioambientais.

Como en anos anteriores, esta actuación non só pretende subministrar os composteiros senón tamén, realizar xornadas divulgativas, e no referente a isto, como novidade este ano, proponse a inclusión duns puntos de divulgación mediante a instalación de carpas de sensibilización social denominadas «Carpas de compostaxe». Actualmente, a campaña deste ano abrirase para tódolos cidadáns residentes nalgún dos cincuenta concellos aos que a Deputación lles presta o servizo de recollida de RSU en réxime de competencias delegadas, incluíndo á última adhesión do ano 2015 que é o Concello de Vilariño de Conso.

A campaña de compostaxe doméstica 2015 na provincia de Ourense contempla un orzamento de 40.000 euros dos que a Deputación Provincial sufragará o 50% do importe e Sogama asumirá o 50% restante, polo tanto, aportará cada unha das entidades que asinaron o convenio, 20.000 euros, encargándose a Deputación de Ourense de coordinar todo o proceso, asumindo directamente a dirección e supervisión dos traballos a executar, tanto en relación á dotación de medios materiais (composteiros e material divulgativo de apoio) como en torno á propia operativa de formación, seguimento e divulgación.

Ademais, o convenio contempla a posibilidade de levar a cabo a campaña a través de medios propios das entidades participantes, ou a través de calquera fórmula de xestión indirecta.

Manuel Baltar destacou que a Deputación de Ourense «é un goberno verde, un goberno que ten unha aposta clara pola protección do medioambiente e que no eido da recollida de lixo ten un papel vertebrador con case tódolos Concellos da provincia, de feito, estamos en máis de cincuenta ocupándonos desa competencia exclusiva municipal que a Deputación fai por delegación e que nos converte nun referente nacional como goberno provincial». E engadiu «é unha aposta irrenunciable, un compromiso medioambiental que forma parte da marca de identidade desta casa da Deputación de Ourense que considera imprescindible seguir por esta liña e que celebra hoxe que Sogama, a Sociedade Galega de Medio Ambiente, entenda que tamén a cooperación coa Deputación é fundamental para a súa traxectoria».

También te podría gustar...