Nava Castro destaca a importancia das festas gastronómicas tradicionais como reclamo de atracción turística
A directora de Turismo de Galicia, Nava Castro, foi a elixida para dar o pregón da Festa do Galo Piñeiro e Mostra Cabalar que, neste ano, celebra xa a súa décimo sexta edición, consolidándose como unha das citas destacadas do verán na provincia de A Coruña.
Durante o seu pregón a directora de Turismo de Galicia destacou á importancia deste evento que, segundo explicou rememora as orixes desta especie avícola neste concello, potencia a raza piñeira entre os participantes á festa e fomenta a súa produción e comercialización.
Nava Castro sinalou que esta festa, ademais de exaltar a gastronomía e cultura galega, promove a riqueza cultural e paisaxística de O Pino e contribúe á difusión dos seus recursos turísticos. Neste senso, a directora de Turismo de Galicia destacou, entre outros recursos, o río Tambre, -incluído dentro dos espazos protexidos da Rede Natura 2000-, a Robleda da Feira do Vinte, as áreas recreativas da Magdalena e de Pontedapedra, a Fervenza do Río Noa ou a praia fluvial da Tarroeira.
Así mesmo, a responsable de Turismo da Xunta fixo referencia ao paso do Camiño Francés polo concello, sinalando que é o municipio galego que conta con máis quilómetros desta Ruta Xacobea.
Por outra parte, Nava Castro resaltou a importancia da celebración das festas populares das cales afirmou “supoñen un importante reclamo de atracción turística e un extraordinario incentivo para as economías locais”. Neste senso, a directora de Turismo de Galicia explicou que a aposta polas celebracións gastronómicas tradicionais que xeran experiencias únicas no destino ocupa un lugar moi relevante na política turística do Goberno galego.
Festa de Interese Turístico de Galicia
Esta festa gastronómica, que dende 1999 da a coñecer e pon en valor a especie do Galo Piñeiro a través da mostra das mellores parellas de galos de curral, raza piñeira e galiñas de Galicia e a posterior degustación gratuíta deste saboroso produto, conta coa declaración dende 2010 de Festa de Interese Turístico de Galicia.
A singularidade da festa reside precisamente nesa loita pola recuperación do propio, a recuperación da raza do galo e galiña piñeira, concentrando neste evento ós criadores desta especie e galardoando con premios aos mellores exemplares de galo e galiña de raza piñeira criados en O Pino.
O evento xira en torno a un completo abanico de manifestacións de interese cultural, gastronómico e deportivo que tratan revivir costumes dos ancestros celtas e tradicións populares dentro do Concello.
A gran afluencia de visitantes que se achegan ata O Pino poden gozar dunha gran cantidade de actuacións musicais, mercado medieval e espectáculos para tódolos públicos.
Os distintos obradoiros artesanais, as demostracións de oficios, as exhibicións de cetrería, as distintas actuacións e representacións dos actores da festa celta e a ambientación das rúas de Arca co correspondente atrezo celta, fan que este evento goce dun gran atractivo e reclamo tanto para veciños e veciñas como para visitantes.