A Deputación de Ourense leva o cinema ao rural coa proxección do filme «A última viaxe do afiador»

 1 1 1 1 1 1 1 1 MB e Afiador xul15

 

O presidente da Deputación de Ourense, Manuel Baltar, presentou o sábado no Centro Cultural «Marcos Valcárcel», xunto co escultor Florencio de Arboiro e o cineasta Aitor Rei o programa «Cinema de Verán» que o goberno provincial desenvolverá ao longo dos meses de agosto e setembro para achegar o audiovisual ao rural da nosa provincia, en concreto, coa proxección da longametraxe documental A última viaxe do afiador, de Aitor Rei.

Quince son os concellos da provincia que participan nesta edición do «Cinema de Verán», «unha iniciativa coa que pretendemos, a través do traballo de Aitor Rei e coa colaboración de Florencio de Arboiro -o maior experto mundial no ámbito dos afiadores e das rodas de afiar-, achegar ao rural un dos nosos sinais de identidade social e cultural: o afiador, figura que temos que reivindicar como esencia da nosa alma ourensá», dixo Manuel Baltar na presentación.

O presidente do goberno provincial destacou que estes «heroes anónimos de novelas aínda non escritas, merecen todo o noso recoñecemento polo labor que fixeron ao longo do tempo e tamén para poñer en valor a roda de afiar, un instrumento de convivencia e comunicación».

Manuel Baltar agradeceu a Florencio de Arboiro «o seu compromiso coa nosa terra, como creador e investigador», e a Aitor Rei «a súa sensibilidade para plasmar nun traballo cinematográfico a calidade humana e o sacrificio dos afiadores».

Ademais da proxección do documental, «a actividade inclúe un coloquio co equipo da película e unha mostra de rodas de afiar do museo «Florencio de Arboiro», explicou Aitor Rei, mentres que o propio Arboiro, quen colaborou na localización para a rodaxe e nos contactos cos afiadores, dixo que este proxecto «é unha homenaxe a todos eses homes que levaron polo mundo na súa roda o sentir da provincia de Ourense».

Programa

No mes de agosto o filme proxectarase nos concellos de Maceda (1 de agosto), Paderne de Allariz (día 3), San Xoán de Río (5), Rairiz de Veiga (9), Nogueira de Ramuín (10), A Teixeira (11), Baños de Molgas (12), Montederramo (13), Chandrexa de Queixa (14), Manzaneda (16), Castro Caldelas (17), Xunqueira de Espadanedo (19), Parada do Sil (27) e A Peroxa (28), rematando o día 11 de setembro no municipio de Pereiro de Aguiar.

Museo da Roda de Afiar

Na presentación, Manuel Baltar tamén se referiu ao que será o futuro Museo da Roda de Afiar, un proxecto incluído no Plan Ourense 15-19 da Deputación de Ourense e no que o presidente do goberno provincial está a traballar co propio Florencio de Arboiro. O museo terá a súa ubicación na cidade de Ourense, coa finalidade de ofrecer a máxima accesibilidade para estudantes e público en xeral. «O obxectivo é facer un museo interactivo relacionado cos afiadores e todo o que leva consigo esta figura dende o punto de vista etnográfico, cultural e social para a provincia de Ourense», explicou Manuel Baltar, engadindo que se está a traballar tamén «nunha unidade didáctica para amosar a historia dos afiadores e a súa xerga propia: o Barallete».

También te podría gustar...