Traballo inviste 9 millóns de euros no fomento da contratación de 500 persoas e 39 axentes de emprego e unidades de apoio
A Consellería de Traballo e Benestar investirá preto de 9 millóns de euros para fomentar o traballo entre as persoas desempregadas, un financiamento que se suma a outras axudas coas que conta o departamento autonómico neste eido.
En concreto, o Diario Oficial de Galicia (DOG) publicou onte as ordes de axudas de cooperación institucionais dirixidas a entidades sociais, especialmente para as que traballan no ámbito da discapacidade e coas persoas en risco de exclusión social.
Dunha banda, o programa de cooperación no ámbito de colaboración coas entidades sen ánimo de lucro e fundacións conta cun orzamento de 7,9 millóns de euros, o que permitirá beneficiar aproximadamente a 200 entidades de carácter social para a contratación duns 500 galegos ou galegas en situación de desemprego http://www.xunta.es/dog/Publicados/2015/20150729/AnuncioCA05-220715-0008_gl.html
En concreto, esta orde vai dirixida a entidades sociais e fundacións, especialmente do eido da discapacidade e que traballan coas persoas en risco de exclusión social, para a contratación de traballadores desempregados co obxecto de proporcionarlles a experiencia e práctica profesional necesarias para facilitar a súa inserción laboral. Desta forma, ofrécese ás persoas desempregadas unha oportunidade para adquirir unha experiencia laboral que redunde na mellora da súa empregabilidade e que, polo tanto, facilite a súa futura inserción no mercado de traballo, canalizando a práctica laboral adquirida cara a ocupacións que faciliten unha maior estabilidade no emprego.
Os traballadores e traballadoras a contratar deberán ser persoas desempregadas inscritas no Servizo Público de Emprego de Galicia que estean dispoñibles para o emprego e terán preferencia, en todo caso, os colectivos con especiais dificultades de inserción laboral, tales como mulleres e, en especial, aquelas que acrediten a condición de vítimas de violencia; os menores de 30 anos, en especial, as persoas demandantes do primeiro emprego ou aqueles e aquelas sen cualificación profesional; as persoas en paro de longa duración; as persoas con discapacidade; as persoas desempregadas maiores de 45 anos; e os integrantes de colectivos desfavorecidos ou en risco de exclusión social, especialmente persoas beneficiarias da renda de integración social de Galicia.
Axentes de emprego
A segunda liña de axudas está destinada ao financiamento de accións de fomento de emprego en colaboración con entidades sen ánimo de lucro prestadoras de servizos sociais, principalmente ás vinculadas ao eido da discapacidade e exclusión social para a contratación ou prórroga da contratación duns 39 axentes de emprego e unidades de apoio. Para este fin, a Consellería de Traballo e Benestar conta con un orzamento de 1 millón de euroshttp://www.xunta.es/dog/Publicados/2015/20150729/AnuncioCA05-220715-0007_gl.html
O labor destes axentes de emprego céntrase en colaborar na implantación das políticas activas de emprego e na realización de funcións relacionadas coa dinamización e coa creación de emprego no ámbito das persoas con discapacidade e/ou en risco de exclusión social, relacionadas fundamentalmente coa creación de emprego, de actividade empresarial e a inserción laboral destas persoas con especiais dificultades de inserción laboral.
Os interesados en optar a estas axudas terán un mes de prazo, contado desde mañá para presentar ás súas solicitudes, que se tramitarán de maneira exclusiva a través dos medios telemáticos da sede electrónica da Xunta de Galicia.
Estas ordes veñen a completar a cooperación con entidades sen ánimo de lucro, iniciada coa publicación da convocatoria para subvencionar a contratación de persoas beneficiarias do programa extraordinario de activación para o emprego para a realización de servizos de interese xeral e social, dotada con 2 millóns de euros que permitirá a contratación duns 170 beneficiarios.