Galicia acada un máximo histórico no primeiro semestre do ano ao recibir máis de 450 mil turistas estranxeiros
Segundo os datos da Enquisa de Movementos Turísticos en Fronteiras (FRONTUR) publicados no día de hoxe, no primeiro semestre deste ano 2015, Galicia recibiu máis de 450 mil turistas estranxeiros -453.151-, cifra que supón un máximo histórico na Comunidade e supera nun 12,6% a cifra do mesmo período do pasado ano 2014.
Segundo FRONTUR, Portugal, co 50,6% dos turistas estranxeiros, foi o principal mercado internacional en Galicia neste primeiro semestre do ano. Ao mercado portugués, séguenlle en orde de importancia Francia, co 13,6%, e Reino Unido, co 8,8% neste caso.
A nivel estatal produciuse tamén un incremento da cifra de turistas estranxeiros neste período de tempo acadándose os 29,2 millóns. Neste caso o incremento foi do 4,2%, máis de oito puntos porcentuais por debaixo do crecemento rexistrado na nosa Comunidade.
En canto ao excursionismo internacional, Galicia recibiu un total de 1.650.370 excursionistas estranxeiros nos seis primeiros meses do ano. Portugal foi tamén o principal mercado do excursionismo rexistrado en Galicia, supoñendo o 90% das entradas dun só día na nosa Comunidade.
Mes de xuño
En canto ao mes de xuño, Galicia rexistrou un total de 96.786 turistas estranxeiros, cifra que supón un incremento do 11% en relación ao mesmo mes do pasado ano 2014. Con preto de 100.000 turistas Galicia acadou en xuño de 2015 a cifra máis elevada dos últimos catro anos.
Segundo os datos publicados por FRONTUR, o excursionismo internacional presentou tamén un incremento neste sexto mes do ano, con 325.059 excursionistas estranxeiros superando nun 15,4% o dato do pasado ano.
Portugal foi o principal mercado emisor de excursionismo e turismo estranxeiro a Galicia pois representou o 88% das entradas internacionais dun só día á nosa comunidade e o 43,9% dos turistas estranxeiros. O excursionismo procedente do país veciño incrementouse neste mes nun 17,7%.
En canto ao turismo internacional, ao mercado portugués séguenlle en orde de importancia Francia, co 14,5%, e Reino Unido, co 5,9% neste caso.
A nivel estatal rexistrouse tamén un incremento da cifra de turistas estranxeiros, do 1,4% neste caso, superando os 6,65 millóns de turistas internacionais neste mes de xuño. Galicia superou, deste xeito, o crecemento rexistrado a nivel estatal en máis de nove puntos porcentuais.