Mato e Miranda visitan aos participantes de “Conecta con Galicia” en Ourense
Máis de 40 mozos e mozas descendentes de emigrantes galegos e residentes no exterior están a participar en Ourense no programa de convivencia “Conecta con Galicia” que organiza a Xunta co fin de “renovar os lazos co outro lado do Atlántico”.
A conselleira de Traballo e Benestar, Beatriz Mato; o secretario xeral da Emigración, Antonio Rodríguez Miranda; a directora xeral de Xuventude, Cecilia Vázquez; e o delegado territorial da Xunta en Ourense, Rogelio Martínez; desprazáronse onte ata a residencia xuvenil Florentino López Cuevillas co fin de manter un encontro con eles e cos 19 mozos e mozas galegos que os acompañan nesta experiencia.
Esta quenda, que se está a desenvolver entre o 15 e o 26 de xullo, céntrase na temática “Cultura e camiño”. Así, ademais de coñecer o Camiño de Santiago, os participantes están a visitar o patrimonio histórico e cultural da zona de Ourense.
Segundo destacaron os responsables autonómicos, con esta actividade os mozos e mozas teñen a oportunidade de “coñecer os camiños de Galicia e Europa e seguir crecendo e desenvolvéndose a nivel persoal”.
En total, o programa “Conecta con Galicia” oferta máis de 200 prazas distribuídas en dúas quendas: do 1 ao 12 de xullo, e do 15 ao 26 de xullo. O programa componse de dúas modalidades: o “mar de Galicia”, que ten lugar no albergue xuvenil de Gandarío, no que se realizan actividades náuticas; e “Cultura e Camiño”, que se desenvolve na zona de Lugo e na de Ourense en diferentes quendas.
Ademais, tamén en colaboración coa Secretaría Xeral da Emigración, no campo de traballo de Castromaior en Portomarín, convivirán 20 mozos e mozas da emigración con 10 mozos e galegos, todos con idades comprendidas entre os 18 e os 30 anos. No campo de traballo, de carácter medioambiental e etnográfico, os voluntarios transmitiranlle a historia do contorno aos peregrinos con actividades teatralizadas, traballarán na limpeza do Castro de Castromaior, e sinalizarán o acceso a este Castro para poñelo en valor.