Manuel Baltar afirma que o Clúster do Viño de Ourense «daralle un impulso ao desenvolvemento deste sector»
O presidente da Deputación de Ourense, Manuel Baltar, reuniuse hoxe no Pazo Provincial cos presidentes dos consellos reguladores das denominacións de orixe vitivinícolas ourensáns: Asunción Rodríguez (Monterrei), José Manuel Rodríguez (Ribeira Sacra), Miguel Ángel Viso (Ribeiro) e José Vicente Solarat (Valdeorras) segundo o que acordaran de manter unha canle permanente de comunicación e logo da xuntanza mantida na sede do Consello Regulador do Ribeiro, agora, trala toma de posesión do presidente celebran unha nova reunión para analizar diferentes medidas de importancia para o sector. A primeira delas, xa anunciada polo presidente no seu discurso de investidura -ademais das que ten planificado implementar a maiores das 77 anunciadas no Plan 15-19-, é o Clúster do Viño de Ourense. Tanto a Deputación como os consellos reguladores acordaron deseñar e establecer as liñas mestras de actuación desta organización, as cales abordarán na vindeira reunión que celebrarán o vindeiro 4 de setembro na sede do Consello Regulador da Denominación de Orixe Valdeorras.
O clúster, en opinión de Manuel Baltar, «significará un impulso e unha panca de desenvolvemento para o sector, e a presenza da Deputación de Ourense no mesmo fará que lidere a iniciativa unha administración pública perfectamente definitoria do que é a provincia, pois os seus límites territoriais son os do clúster».
Asemade, avanzaron noutras liñas de participación que poden desenvolver, entre as que figura a anunciada polo presidente Baltar ao final da lexislatura: a posta en marcha dunha sede das catro denominacións de orixe vitivinícola cun claro compoñente comercial e promocional dos viños e produtos da provincia de Ourense, «co obxectivo de que os visitantes se poidan informar e tamén degustar os nosos produtos nun edificio de titularidade provincial», e tamén se falou de que a Deputación colabore activamente nas «Rutas do Viño».
Manuel Baltar anunciou que nos orzamentos do goberno provincial para 2016 –que se aprobarán o vindeiro 25 de setembro- a Deputación de Ourense destinará un mínimo de 200.000 euros para accións relacionadas cos proxectos e funcionamento dos consellos reguladores vitivinícolas da nosa provincia.
O presidente provincial cualificou a reunión de hoxe de «altamente positiva» polo que supón de confluír en intereses comúns en favor da competitividade dun sector estratéxico da economía ourensá como é o do viño.